fbpx
A cruz / foto Comité pola Memoria Histórica de Celanova

Homenaxe ás familias dos asturianos fusilados por un pelotón falanxista en Celanova en 1936

Tempo de lectura: 2 min.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova celebrará o próximo 4 de xuño o seu primeiro acto público de 2022. As familias de dous dos republicanos asturianos fusilados por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos a mañá do 22 de setembro de 1939 e soterrados no cemiterio de Celanova visitarán a vila, serán recibidos pola corporación municipal e participarán nunha xornada de conferencias sobre a memoria do campo de concentración de Camposancos e sobre o programa estatal de exhumación de fosas da guerra civil, que intervirá este ano nesa fosa de Celanova sinalada polo Comité.

Desde que a principios de ano o equipo Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, se reuniu con representantes do Goberno de Asturias, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova estivo ao tanto das negociacións para que as institucións públicas acordasen iniciar os traballos para a exhumación da fosa do cemiterio de Celanova, na que poden estar os restos de Abelardo Suárez del Busto; Alfonso Moreno Gayol; Baldomero Vigil Escalera Vallejo; Belarmino Álvarez García; Guillermo de Diego Álvarez; Marcelino Fernández García; e Mariano Blanco González.

Fernando Serrulla, médico forense do equipo Histagra, visitou hai uns meses ás familias de Abelardo Suárez e Marcelino Fernández en Xixón para obter mostras de ADN que poidan servir para contrastar cos restos que puidesen atoparse.

Serrulla, xunto co arqueólogo Fran Alonso, ofrecerá o día 4 en Celanova unha conferencia sobre o programa de exhumacións, os traballos que desenvolveu o seu equipo durante 2021 e os previstos para a campaña deste ano, entre os que se inclúe a intervención en Celanova.

Actos

As conferencias comezarán ás 17:00 horas coa presentación de A porta do inferno, a cargo de José Antonio Uris, co-autor xunto a Víctor Santidrián, dun ensaio publicado este ano que dá conta da historia do campo de concentración de Camposancos (A Guarda), onde foron encamiñados miles de presos asturianos despois da caída de Xixón no outono de 1937. Alí foron xulgados e condenados a morte os sete homes que acabarían sendo executados e soterrados no cemiterio celanovés.

O Comité elixiu o espazo do salón de actos do Instituto Celso Emilio Ferreiro porque recentemente se atopou información sobre que ese era o lugar no que se encerraba aos condenados a morte chegados de Camposancos a principios de 1939.

Pode que che interese...