O astrolabio de Viveiro, un dos dez mellores conservados do mundo
En setembro de 2021, en Viveiro atopaban unha peza dun valor arqueolóxico único: un astrolabio datado entre o 1575 e 1622 que foi utilizado como instrumento de orientación oceánica. Tras a súa recente restauración, está considerado un dos dez mellores conservados do planeta.
Á súa excepcionalidade súmaselle que só se gardan 112 astrolabios no mundo, estando a maioría deles incompletos ou en mal estado de conservación. Pola contra, a peza que se atopou en Viveiro, está completa e foi atopada no mar en estado metálico. Ademais, presenta características non comúns entre o resto de aparellos do mesmo estilo, como a presenza dun aro de suspensión trilobulado, aspecto que só comparten outros seis astrolabios.
As características deste instrumento de bronce e 5kg de peso fan que o aparello alcance un valor de 1,5 millóns de dólares, unha suma estimada tras o análise do prezo de astrolabios similares nas casas de puxas. Tras a súa restauración, o aparello atopado en Viveiro permanecerá no Museo do Mar de Vigo. Máis información en La Voz de Galicia.