Obras no centro de Cambados desvelan unha vivenda do s. XVII
A Rúa Nova de Cambados segue sendo escenario para o descubrimento de restos de antigas vivendas. Aa obras que se están realizando no lugar, dentro do proxecto de novas beirarrúas, permitiu atopar unha vivenda datada do s.XVII. Os restos desta construción aparecen despois de que a finais de abril, nesas mesmas obras, se atopase outra vivenda que se coñece como O Couso, posiblemente habitada ata a década nos anos 40.
O achado resultou “unha sorpresa pois non esperabamos atopar nada máis”, comenta o concelleiro de Patrimonio, Xurxo Charlín, facendo referencia á casa de 200 anos de antigüidade que se atopou nun primeiro momento.
Nos traballos levados a cabo tamén se atoparon anacos da coñecida como cerámica Viana do Castelo. Tras infromar á Dirección Xeral de Patrimonio de Pontevedra, permitiuse continuar coas reformas da rúa cambadesa. “Os restos están por debaixo da cota da obra e non lles afectan, aínda que é preciso protexelos cun xeotéxtil e cubrilos con area”, engadiu Charlín.
A casa, da que se descoñece propiedade e utilización, apunta que pertenceu a persoas adiñeiradas, pola presenza de anacos de cerámica portuguesa, moi valorada na época. A aparición desta construción resultou sorprendente, pois a pesar das obras que tiveron lugar na rúa nas últimas décadas, nunca se detectara a posible presenza de dita vivenda.
MÁIS RESTOS ARQUEOLÓXICOS EN CAMBADOS
A mediados de marzo Cambados xa sumaba máis descubrimentos arqueolóxicos. Neste caso, nas reformas na praza de San Gregorio atopáronse restos de cerámica romana, medieval e moderna. Destaca entre os achados a asa dunha ánfora datada do s.I. Tras estas descubertas, proseguiuse coas obras e Charlín indicou que non se atoparon máis restos. Máis información en Diario de Arousa.