fbpx

As baterías militares de Ferrol, Valdoviño e Ares… Un dos cinturóns defensivos máis importantes da península

Tempo de lectura: 2 min.

As tres baterías militares de Ferrol, Valdoviño e Ares pasarán a ser titularidade da Deputación da Coruña, como se deu a coñecer o pasado 24 de xuño en Ferrol. Coa colaboración do Ministerio de Defensa, a Armada e dos Concellos de Ferrol e A Coruña, pretenden poñer en valor estas construcións.

“Dende a Deputación queremos facernos cargo de tres baterías: en Ferrol, Valdoviño e Ares”, anunciaba o presidente provincial Valentín González Formoso, aproveitando a presentación do libro A defensa da costa. Provincia da Coruña, obra do arquitecto técnico e doutor en Historia da arte, José Manuel Yáñez, e o comandante de artillería José Manuel López Hermida. Con esta obra, os autores relacionan o campo das baterías coa defensa da costa da Coruña. Poñer en valor o patrimonio militar da área de Ferrol é o obxectivo da obra.

A arquitectura militar da zona, construída entre os séculos XVI e XX, tamén supón un atractivo turístico, polo seu valor patrimonial. “Contamos agora no terreo que compón o golfo Ártabro cun enorme tesouro patrimonial que debemos defender: a arquitectura militar”, sinalou Valentín González Formoso, quen recalcou a importancia de tomar conciencia deste tipo de patrimonio material, grazas a estudos e guías.

Ademais de garantir a conservación destas instalacións, a Deputación da Coruña tamén pretende atraer un tipo de turismo cada vez máis popular, o que se demostra coa organización de rutas turísticas a través deste tipo de construcións.  Formoso tamén engadiu que tanto a publicación do libro como a posta en valor das baterías supoñen unha “homenaxe a aquelas persoas que foron capaces de conseguir o que incluso hoxe, tendo medios, sería difícil”.

Ademais dos autores do libro e o presidente da Deputación da Coruña, no acto, celebrado no recinto de Exponav, tamén estiveron presentes o almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos; o xerente de Exponav, Rafael Suárez; e o catedrático de Historia da arte da USC, Alfredo Vigo Trasancos. Máis información en Enfoques.

Pode que che interese...