As casas de baño, o atractivo da Coruña nos séculos XIX e XX
A finais do s. XIX e comezos do s. XX, A Coruña tiña na súa costa casas de baños. Aínda que o máis antigo rexistrado se atopaba no Parrote, era a zona de Riazor a que destacaba pola presenza destes balnearios. La Perfecta, La Primitiva, La Salud eran algúns dos nomes destas casas, ao igual que o Chalé de Riazor, do que o Arquivo da Real Academia Galega vén de compartir unha imaxe.
O Balneario de la Beneficiencia Municipal, coñecido popularmente como “Chalé de Riazor” está datado do 1874, e a súa existencia, igual que a do resto de casas de baño da zona, débese a novos plans de urbanismo que seguían unha corrente hixienista. Santander ou Donostia son exemplos de cidades con casas de baño incorporadas ao seu urbanismo e A Coruña seguiu o seu exemplo. O Chalé de Riazor estivo erguido ao pé da baía coruñesa ata o 1922, cando foi demolido.
Tras 100 anos da súa desaparición, os únicos vestixios que quedan da construción é a fotografía dunha tarxeta postal, que se pode consultar na Galiciana, o Arquivo Dixital de Galicia.
Como a maioría dos seus balnearios contemporáneos, ofrecía servizos básicos aos bañistas, aínda que dispoñía doutros espazos. Un palco de música para concertos ou a súa funcionalidade de miradoiro no inverno permiten imaxinar como era a vida entre o s. XIX e o s. XX. Tamén se apunta, como explican dende o Arquivo da Real Academia Galega, a que era utilizado como secadoiro de redes.
A postal que mostra o chalé de Riazor pertence é unha máis dunha colección que recolle este tipo de tarxetas non pertencentes a ningún fondo documental. Entre elas pódese ver un abundante número de imaxes de Galicia, sendo A Coruña a cidade máis habitual, así como fotografías de eventos como a Exposición Rexional de 1909. As súas procedencias tamén son moi variadas, e entre elas podense atopar lugares como Vietnam, a URSS, Cuba, Uruguai, Porto Rico ou Washington.