fbpx
A casa parroquial de Santa Mariña de Ribeira, entrouna lista vermella do Patrimonio de Hispania Nostra / hispanianostra.com

Cando o poder da Igrexa cae a cachos: outra gran casa parroquial entra na lista vermella de Patrimonio

Tempo de lectura: < 1 min.

Datada do s.XIX, a casa parroquial de Santa Mariña de Ribeira, esta última unha das mellores construcións neoclásicas de Galicia, forma parte dende o pasado 16 de xuño da Lista Vermella de Patrimonio. Nas proximidades do río Ulla, o conxunto da Igrexa axuda a encher de valor a paisaxe da contorna. Porén, o estado da casa parroquial anexa á igrexa non fai xustiza ao lugar.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural e Natural Hispania Nostra incluíu na súa lista de patrimonio en perigo a casa parroquial, converténdose así na segunda construción do Concello da Estrada presente nesta lista. Engrosan a lista vermella o pazo e a torre de Guimarei dende o 2016.

Cunha planta cadrada, a edificación conta cun patio central con grandes pilares, que nos seus tempos sostiveron unha parra. Composta por dúas plantas, a planta baixa, na que hai unha lareira de pedra, estaba destinada ao gando e á almacenaxe de produtos. Na primeira planta, pódese ver unha xanela na fachada que dá a un salón. Destacan no conxunto baixorrelevos de caras no portalón de entrada. Ademais, un hórreo de tres corpos, unha viña, un lagar e un xardín con palmeiras, camelias e buxos completan a casa parroquial.

O hórreo desta propiedade privada está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), e o resto do conxunto catalogado. Porén, as súas características e grado de protección non foron suficientes para que a casa parroquial entrase nun estado de ruína, motivo polo cal entrou na lista vermella de Patrimonio en perigo, ante a posibilidade de derrubamento.

Con esta nova inclusión, Hispania Nostra quere chamar a atención sobe o lugar, que forma “un dos mellores conxuntos neoclásicos de Galicia”, a pesar de que paulatinamente a maleza, a vexetación e o tempo se impoñen sobre a construción.

Pode que che interese...