fbpx

Descobren un xogo medieval gravado nas Torres de Oeste, a mítica fortaleza que contivo aos viquingos

Tempo de lectura: 2 min.

As Torres de Oeste escondían o que se coñece como alquerque de 9, un xogo de mesa medieval que se atopa gravado nun dos muros da área principal deste conxunto arqueolóxico de Catoira. Así o fixo saber o Colectivo a Rula, quen comunicou o achado, que se suma ao alquerque que un dos socios da asociación descubriu fai uns anos .

O achado produciuse cando nunha visita guiada ao lugar, tras amosar o gravado do que eran coñecedores, unha das participantes e veciñas de Catoira fixo saber que coñecía unha inscrición sobre pedra similar.

Sábese que o gravado atopado nas Torres de Oeste é un xogo de mesa datado de entre os s. IX e XIII, e cuxas regras se atopan recollidas no libro dos xogos encargado por Afonso X O Sabio. A existencia deste tipo de figuras evidencian o carácter cotiá dos castelos medievais, nos que “tamén había tempo para o lecer”, como din dende A Rula.

Situado nunha pedra plana e regular parcialmente soterrada, este novo alquerque ten unhas dimensións de 50 centímetros e un deseño clásico. Así, está formado por tres cadrados concéntricos acompañados de liñas para a colocación das pezas. Porén, a diferenza de outros catalogados, presenta unha coviña no primeiro dos recintos rectangulares.

“Este segundo alquerque presenta mellor estado de conservación que o anterior o que facilitaría a súa valorización social. A diferenza principal é que neste caso sabemos con seguridade que figura na súa posición orixinal e, por tanto, podemos estudar e analizar o seu contexto”, explican dende Colectivo A Rula.

Este novo achado tamén evidenciou a relevancia dos gravados, motivo polo cal a veciñanza iniciou unha campaña de recollida de firmas que, baixo o lema “salvemos ós alquerques das Torres de Oeste”, queren poñer de relevancia estes xogos medievais e sensibilizar sobre a importancia da súa protección e valorización . Máis información en Colectivo A Rula.

Pode que che interese...