fbpx
Castelo do Faro, en Covelo, danado por un parque eólica / romanarmy.eu

Prospectan o xacemento máis alto de Pontevedra, danado por un gran parque eólico

Tempo de lectura: 2 min.

Arqueólogos do colectivo romanarmy.eu desenvolven, desde este luns, unha campaña de prospección arqueolóxica no xacemento arqueolóxico a maior altura da provincia de Pontevedra, o Castelo do Faro, en Covelo.

Localizado a 1.148 metros de altitude nas proximidades do Faro de Avión, os investigadores prospectarán a gran fortificación con distintas técnicas (incluíndo a xeofísica) e estudarán en detalle as súas estruturas mediante sondaxes arqueolóxicas. A campaña de intervención arqueolóxica está promovida polo Concello de Covelo cunha subvención para actuacións arqueolóxicas da Deputación de Pontevedra.

O seu director científico é o profesor da Universidade de Salamanca e arqueólogo José Manuel Costa García, comandando un equipo no que participa João Fonte, arqueólogo da Universidade de Exeter (Reino Unido), Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos) e o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela). A campaña durará ata o venres 17 de xuño.

Castelo do Faro, en Covelo, no plano lidar / Romanarmy.eu

O recinto foi descuberto polo colectivo romanarmy.eu con técnicas de teledetección e comunicada a súa existencia á Dirección Xeral Patrimonio da Xunta de Galicia en 2020. O xacemento ten unha planta de tendencia ovalada, conformada por unha muralla construída con pedra granítica local ocupando unha área de ao redor do cinco hectáreas.

A muralla adáptase á topografía local, ciñendo un amplo perímetro interior que non parece corresponderse co parcelario agrario da zona. Un aspecto particular da muralla é a existencia dunhas singulares estruturas cuadrangulares encostadas ao muro, de función descoñecida e sen paralelos coñecidos noutros recintos fortificados.

O grupo de investigación explica que, posto que non foi identificado como estrutura arqueolóxica ata o momento, o Castelo do Faro atópase considerablemente afectado por un parque eólico, que “destruíu partes significativas do interior do recinto”. A pista de acceso afectou tamén partes da muralla perimetral do recinto.

Pode que che interese...