fbpx

O castro de Vilamartín de Valdeorras: clases altas e vínculos coa gran mina roman das Médulas

Tempo de lectura: 2 min.

O xacemento coñecido como O Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) agocha un gran valor patrimonial e histórico. O castelo acolleu nas últimas semanas unha campaña de escavación cuxos resultados se veñen de presentar, e que permitiu sacar a luz nova información acerca deste castro ocupado na época romano e tardorromana.

O grupo Sputnik Labrego, que rematou a cuarta fase de intervención na zona, escavou varias casas, nas que atoparon novos obxectos que apuntan á relación da aldea coa minaría, pero tamén con familias de clase alta. “Pescudamos que se fabricaban aquí obxectos de metal, non sabemos cales, de certa calidade e valor”, explica o director da intervención, Carlos Tejerizo.

Con esta nova información abren novas hipóteses, como a vinculación de O Castelo coa minería e as Médulas, así como a elección do lugar para erguer un poboado. “É unha contorna fantástica para ver pero de difícil acceso, para protexer o que facían”, explica o experto. Ademais, a través de diferentes análises tamén se puido reconstruír a contorna, que carecía de árbores e que corrobora que o lugar puidese estar relacionado coa produción de ferro, para a que se precisa moita madeira.

Estes novos achados permiten coñecer máis sobre o pasado deste xacemento, cuxa información era confusa ata agora. Isto débese, en parte, ás escavacións que se produciron nos anos oitenta por parte do grupo de afeccionados á arqueoloxía Os Escarbadores. Os membros deste grupo conseguiron sacar á luz O Castelo, ao non seren profesionais, moitas das pezas que atopaban non eran debidamente documentadas.

A pesar de que fundaron un museo no que recoller todo o atopado, moitas pezas ían desaparecendo, e “quedou só morrala e está todo remexido, non se sabe de onde é cada cousa”, explica o responsable da sección de arqueoloxía do Instituto de estudos Valdeorreses (IEV), José Fernández. Despois disto, O Castelo sufriu unha etapa de abandono e esquecemento, que comezou a ver a luz no 2019, cando José Fernández e o arqueólogo Santiago Ferrer comezaron novos traballos de escavación.

Agora, cos traballos de Sputnik Labrego pretenden afondar máis na historia do castro e dar a coñecer o valor patrimonial do xacemento. “En Valdeorras hai moitos sitios con riqueza patrimonial, pero non patrimonializados”, explica Tejerizo. Por iso, invitan a quen o desexe a coñecer a escavación e ofrecerán unha charla informativa sobre O Castelo. Máis información de La Voz de Galicia.

Pode que che interese...