fbpx
Protesta para recuperar a torre de Caldaloba, en Cospeito / remitida

Por fin a torre onde resistiu a filla de Pardo de Cela será pública tras o seu estado lamentable

Tempo de lectura: 2 min.

A torre de Caldaloba, xunto coas fincas do sitio arqueolóxico da fortaleza de Viloaxoán pasarán a ser propiedade do concello de Cospeito, que as adquirirá por un importe de 100.000 euros. O concello de Cospeito e a Consellaría de Cultura da Xunta asinaron un convenio que formaliza a adquisición, tras a cal o goberno local ten como obxectivo poñer en valor os restos históricos e culturais.

A vinculación de Caldaloba con Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela, é unha das historias que se asocia a este lugar, relacionando tamén a torre co asedio que sufriu Constanza de Castro e o seu home Fernán Ares, despois de que o mariscal fose degolado. A toma da fortaleza de Vilaxoán, que no momento pertencía ao Vizconde de Altamira, Alonso Pérez de Viveiro, mais que anteriormente fora do mariscal, foi a maneira de Constanza de Castro de vingar a morte do seu pai, como explican en Cultura Galega.

O Castelo de Vilaxoán, que se atopa na parroquia de San Martiño de Pino, foi declarado BIC no 1949, está datada dos séculos XIV-XV, e a día de hoxe só se conserva a torre de Caldaloba. Con este novo convenio, o obxectivo é garantir a recuperación, conservación e o mantemento da construción.

Na firma do convenio participaron o Concelleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Román Rodríguez quixo destacar as diferentes actuacións que se levaron a cabo na torre durante os últimos anos, a través de traballos para a consolidación da estrutura e reducir o seu ritmo de degradación, que levou a cabo a Xunta.

Agora, o Concello de Cospeito será quen poña en valor este lugar arqueolóxico, seguindo as reivindicacións para conservar o lugar por parte da veciñanza. Máis información no Portal da Xunta de Galicia.

Pode que che interese...