fbpx

Que vai pasar coa aldea galaico-romana “única” atopada nas obras da autovía Arzúa-Santiago?

Tempo de lectura: 2 min.

Vivendas e unha área con muíños de man, fornos e outros elementos que apuntan a unha zona máis industrial son os restos arqueolóxicos que se atoparon en Vilantime, en Arzúa. Os traballos de escavación, que veñen de rematar, sacaron á luz un asentamento galaico-romano que estivo habitado entre finais do século I e principios do II. 

Fai mes e medio, os traballos de construción da A-54 á altura de Arzúa permitían atopar o que fai 2000 anos foi unha aldea habitada, ao carón do río Boente. Entre a autovía que conectará Lugo e Santiago atopouse este xacemento, que destaca pola súa boa conservación e que os arqueólogos consideran “único”. Así o define Emilio Ramil, director do equipo que levou a cabo as labores de escavación.

A excepcionalidade do complexo reside, en parte, no seu achado grazas ás obras da construción da autovía. O castro non resaltaba no terreo, o que proba que en Galicia quedan moitos xacementos por descubrir. «Non atopamos en Galicia unha aldea castrexa da época galaico-romana de hai 2.000 anos deste tipo», engade Ramil, quen destaca o interese que pode espertar o lugar. A 400 metros do lugar atópase un castro, polo que as primeiras pesquiñas apuntan a que os habitantes desa antiga aldea se desprazaron a finais do s.I a este novo lugar, de recente descubrimento. “Sabemos que houbo ese traslado de poboación dos castros; os seus habitantes baixaba ás zonas chairas, próximas aos ríos e con terras máis ricas para o cultivo e o gando, e facían construcións para vivir e para traballar” explica o arqueólogo de AXA Arqueoloxía, a empresa encargada da escavación.

Nesta traballos tamén se recuperaron pezas cerámicas de uso doméstico, así como moedas acuñadas na época do emperador hispano Trajano. “É un espazo ocupado ao longo da historia, e unha poboación importante a que aquí vivía” explica Emilio Ramil. Proba disto son cabañas do Neolítico, restos arqueolóxicos das Idades de Bronce e Ferro ou o campo de fosas de incineración descuberto o ano pasado, demostrando que se trata dunha zona con abundantes restos arqueolóxicos.

Con respecto ás obras ao carón da aldea galaico-romana, estas non afectan ao xacemento, de igual maneira que os traballos para finalizar a A-54 poderán seguir adiante como estaba previsto. Polo de agora, os restos arqueolóxicos anteriores á aldea foron cubertos cunha malla xeotéxtil e terra, á espera da decisión por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...