Sabes que vai pasar co cruceiro máis antigo de Galicia?
Un cruceiro gótico do s. XIV ao carón da igrexa de San roque, en Melide, é o máis antigo de Galicia. Ao carón do camiño Francés, este cruceiro con algunhas características románicas é un símbolo da vila, atopándose no centro da localidade. Por iso, durante o mes de xuño se levarán a cabo traballos de restauración.
A empresa BIC Materiais e Conservación S.L. será quen asuma a restauración da peza. Durante dúas semanas, os veciños de Melide non poderán ver o seu cruceiro, cuxa base tamén será acondicionada de maneira paralela á cruz e ao fuste, que serán trasladadas a un taller para a súa limpeza e restauración. Pola súa banda, eliminarase tamén a actual plataforma en escaleira para poñer no seu lugar un espazo empedrado e unha laxe de granito, máis acorde co cruceiro.
A restauradora de BIC Materiais e Conservación, Marta Díaz Fernández, explica o complicado da labor: “O máis delicado será o desmonte, porque non sabemos como está unida a cruz: non hai capiteis, senón unha cincha metálica que se aproveitará si se pode”.
“É unha intervención arelada dende, aló menos, unha década, e reiterada ata a saciedade e o aburrimento”, comentan Xurxo Broz e Cristina Vázquez Neira, do Museo da Terra de Melide, engadindo tamén o alivio que supón esta restauración, pois “o cruceiro e a súa integridade amosan unha situación moi precaria”.
O obxectivo é restauralo “antes das festas de verán”, aproveitando tamén o bo tempo e a época do ano, que facilitan o funcionamento dos diferentes tratamentos. Díaz Fernández considera “bonita” a restauración do cruceiro, aínda que tamén afirma a responsabilidade que supón levala a cambio, tendo en conta o cambio que sufrirá a peza gótica.
Aos traballos de conservación tamén os acompañará a sinalización da peza, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC). O obxectivo disto é dar valor non só ao cruceiro, un elemento patrimonial, senón tamén a un lagar orixinal da estrutura que se colocará ao carón do cruceiro. Máis información en La Voz de Galicia.