fbpx
Obra "Instruments et musique et compotier sur une table" de Picasso / Xunta

Un Picasso “gaiteiro” estará na exposición do 50 aniversario do artista en Galicia no 2023

Tempo de lectura: 2 min.

Xunta de Galicia e a Xunta de Andalucía acordaron o préstamo dunha obra de Picasso “que reflicte a súa influencia galega nos seus primeiros anos” e que se incorporará á exposición de 2023 que conmemorará o 50 aniversario do artista. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Xunta, Patricia del Pozo, reuníronse en Sevilla e estableceron “distintas vías de colaboración sobre proxectos culturais estratéxicos”.

A peza cedida é ‘Instruments et musique et compotier sur une table’, na que o artista malagueño retrata a un gaiteiro. Pertence á fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.

No encontro tamén se avanzou en distintas colaboracións con centros expositivos de Andalucía para incorporar outras pezas relevantes na traxectoria artística de Picasso, como óleos sobre lenzos, libros ilustrados ou litografías, actualmente no Museo Casa Natal Picasso ou no Museo Provincial de Málaga, entre outros.

“Divulgaremos a etapa galega de Picasso, quizais una das máis descoñecidas dentro da súa ampla traxectoria, da forma máis completa posible, e é precisa a colaboración institucional para alcanzalo. Esa foi unha época fundamental para o desenvolvemento do seu carácter e estilo ao coincidir en anos chave da súa vida persoal e cónstanos que son varias as pezas que o demostran en distintos centros expositivos”, explicou Román Rodríguez.

EXPOSICIÓN EN GALICIA

A mencionada obra formará parte da exposición ‘Picasso, branco no recordo azul. A Coruña 2023’, que poderá verse no Museo de Belas Artes da Coruña e que se enmarca nos actos que se celebrarán en 2023 con motivo do 50 aniversario da morte de Picasso dentro do Anniversaire Picasso 2023, que conmemorarán conxuntamente España e Francia.

A mostra estará comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira e abarcará as etapas fundamentais da súa produción. Para cada unha delas seleccionarase polo menos unha peza mestra que se relacionará con outra (ou outras) do seu período de formación en Galicia.

Nun comunicado a Xunta informou ademais de que na reunión avanzouse en posibles colaboracións con outros proxectos en marcha. Concretamente, trabállase na itinerancia en Andalucía da exposición ‘A Vía da Prata. Aires do Sur’, a segunda mostra do proxecto impulsado pola Xunta que comezou co Camiño Portugués e que profunda nos Camiños de Santiago a través da fotografía.

Pode que che interese...