Unha das míticas pontes do Camiño Real que unía Galicia co Bierzo será restaurada
Considerada como un Ben do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, a Ponte Nova de Sobradelo leva dende o s.XVII sendo un dos símbolos da aldea valdeorresa. Agora, levaranse a cabo traballos de conservación e recuperación na ponte, tras a firma dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballeda de Valdeorras e a Xunta.
A Ponte Nova está formada por 7 arcos e seis pilares, ten 100 metros de longo e formou durante moitos anos parte do antigo Camiño Real do Bierzo a Galicia. A Ponte que se atopa en Sobrado ten 350 anos, mais a construción inicial do conxunto comezou no s.XVII. Porén, sábese que uns quilómetros arriba existiu unha ponte romana, coñecida como a Pontoriga, da que a día de hoxe aínda se poden ver as bases dalgún dos seus pilares.
Dentro da historia da ponte tamén destaca a súa destrución no s.XIX, cando o abade de casaio, José Ramón Quiroga, ordenou a súa destrución durante a Guerra de Independencia, para evitar o avance das tropas francesas. Isto tradúcese no aspecto actual dun dos seus arcos, diferente dos outros, mostra do ocorrido a principios dese século.
Cun custo total de 316.000 euros, que serán sufragados na súa totalidade pola Xunta, as labores de mantemento consistirán na limpeza dos paramentos, así como o selado daquelas partes onde haxa ocos. Ademais, destaca a substitución do pavimento de asfalto que actualmente une os bordes da ponte. O obxectivo é cambiar esta parte por unha de pedra. A instalación dun sistema de iluminación tamén se inclúe dentro do convenio. Máis información en La Región.