Unha familia atopa tirada nun monte da Estrada parte da fachada artística dunha casa
Nun monte ao que se accede por unha pista sen saída próxima á vila da Estrada atopouse unha fachada artística, da cal se descoñece a procedencia. A presenza do elemento construtivo foi notificado por unha familia do lugar, que nun paseo forestal atopou os restos que apuntan pertencer a un edificio artístico.
O musgo e a vexetación cobre pezas de cantería que parecen levar anos no lugar e cuxas primeiras hipóteses as relacionan co derrubamento dalgún edificio ou construción de importante interese artístico, polas características que presentan as pedras. Estas están decoradas con motivos vexetais e xeométricos.
O achado presenta gran interese cultural, mais laméntase a falta de protección da que carecían estas construcións na súa época, o que derivou na súa desaparición e destrución, como evidencian estas pedras atopadas no monte.
Ante isto, a historiadora estradense Carmela Sánchez relaciona estas pezas dunha fachada cunha decoración moi parecida na rúa Fernando Conde da Estrada, na que un edificio presenta motivos decorativos moi parecidos aos atopados no monte. Da mesma maneira, tamén se poden ver semellanzas con edificios históricos das rúas Calvo Sotelo e Ulla, que foron construídos na primeira metade do s.XX. Máis información en La Voz de Galicia.