fbpx

A Burga de Cuntis sofre “unha agresión contra o patrimonio” tras ser cuberta con mármore

Tempo de lectura: < 1 min.

O pasado martes 12 de xullo a Burga da Rúa Real de Cuntis aparecía descuberta e con catro novas estruturas de mármore que soportan una peza a modo de tapa, unha obra que dende a asociación local Veciñanza cualifican como “unha agresión contra o patrimonio”. A boca da Burga sitúase na rúa do Balneario no casco histórico de Cuntis.

“Un dos nosos bens patrimoniais máis prezados, con espazo privilexiado na oferta turística e arqueolóxica de Cuntis, foi obxecto dunha obra que causou notable sorpresa e indignación en moitos veciños da vila, en parte, pola opacidade e a falta de información coa que foi executada”, critican dende Veciñanza.

É por iso que o colectivo reclama a información e a documentación da obra desta intervención, como as comunicacións previas, os informes, as autorizacións sectoriais… “para poder saber cando menos quen promoveu esta intervención, quen a executou e quen e como se realizou o control da mesma”. Considérana quen se trata dunha obra opaca e que dana o patrimonio da vila e tamén critican tamén que nin o alcalde nin o Goberno Municipal fixeran declaracións ao respecto.

“A identificación dos veciños e veciñas de Cuntis cos elementos patrimoniais situados no noso casco histórico está marcada por unha gran sensibilidade”, explican dende a formación, “xa que son froito de non poucos ataques por parte de iniciativas privadas que non representan exactamente o interese xeral”. Dende Veciñanza queren dar voz ao descontento xeral dos veciños e veciñas de Cuntis despois da expectación que tivo a intervención ao tratarse dun elemento principal do patrimonio público da vila.

Pode que che interese...