fbpx
Claustro de Santa María de Sar, en Santiago, unha vez renovado / Consorcio de Santiago

A Cátedra do Camiño concede axudas para a investigación da arte da ruta xacobea

Tempo de lectura: 2 min.

A Cátedra do Camiño de Santiago deu a coñecer a resolución da V Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2022. Tres proxectos que centran os seus estudos na arte da ruta xacobea e no impacto económico e turístico do camiño son os proxectos beneficiarios, que se poderán levar a cabo grazas a esta bolsa.

Románico no final do camiño: San Xiao de Moraime”, “Santa María de Sar, lugar xacobeo. Un proxecto de investigación e museografía para a ampliación do Museo de Arte Sacro” e “Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas” son os títulos dos proxectos escollidos pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións

A Cátedra do Camiño, que naceu a través dunha colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela  e Turismo de Galicia, busca axudar o desenvolvemento de actividade de investigación que se desenvolva no ámbito do Camiño de Santiago e as peregrinacións. Para iso, outorgará un máximo de 2.000 euros a cada un dos tres proxectos seleccionados.

No caso de “Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime”, está dirixido polo profesor de Historia da Arte Medieval da universidade de León, Javier Castiñeiras López, e abordará o estudo da fábrica románica que se atopa en Muxía. Parte da investigación centrarase no ámbito das imaxes, principalmente a dos portais esculpidos.

Pola súa banda, o profesor de Historia da Arte da  Universidade de Vigo, Victoriano Nodar Fernández , afondará na colexiata de Santa María a Real de Sar, por ser un edificio románico que destaca pola súa conservación e calidade artística.

O último dos proxectos seleccionados é “Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas”, a través do cal, os profesores da USC María Milagros Vivel Búa e Rubén Lado Sestayo analizarán a importancia da actividade turística e económica, tendo en conta o impacto xerado pola crise da Covid-19.

Pode que che interese...