A lenta agonía das torres medievais da Costa da Morte
Reconstrucións, derrubamentos para levantar outros edificios, saqueos ou o abandono están detrás da desaparición do patrimonio medieval da Costa da Morte.
É o caso das Torres de Cillobre, do que a día de hoxe só queda unha pequena construción en ruínas, un escudo que se atopa no Pazo de Oca, na Estrada, e un hórreo que agora está nunha casa particular das Rañeiras, en Lestón. O resto do complexo desmantelouse coa construción da ponte do Formigueiro, e elementos como un arco que estaba na súa entrada, desapareceu. A día de hoxe, no lugar mantense só unha pequena construción que nos seus anos de ocupación foi unha habitación.
Súmanse á lista de edificacións medievais en mal estado de conservación as Torres de Tallo de Ponteceso, cuxa estabilidade periga, a torre de A Penela, que perdeu os terreos que a rodeaban e o seu teito, ou a Torre de Señoráns, onde un hórreo e unha eira ocupan o seu lugar dende 1951. Da casa fortificada que houbo na parroquia de Sarces, en Laxe, só se conserva un pombal, mentres que da de Aprazaduiro, no mesmo concello, só sobrevive unha capela a San Antonio, que durante algúns anos gardou leña.
A situación destas construcións é común a moitas outras da contorna. O seu mal estado de conservación tampouco é recente, pois a falta de políticas de protección fixo que dende finais do s. XIX moitos edificios medievais fosen substituídos por outros máis novos, ou incluso destruídos. É por iso que o que na Idade Media foron castelos, pazos ou casas señoriais son agora solares que apenas conservan a súa historia. Dende o 1949 os castelos e construcións defensivas son considerados BIC (Bens de Interese Cultural), mais esta distinción non sempre asegura un bo estado de conservación, o que fai que se lles coñeza como BIC fantasma.
Porén, non todo o legado medieval do lugar correu mala sorte. O castelo de Vimianzo, as Torres de Mens, a Torre de Nogueira ou o Pazo de Boedo, en Cerceda son exemplos da conservación a través dos anos. Actualmente, estas edificacións pertencen á Deputación da Coruña, como é o caso do Castelo de Vimianzo, ou están en mans de propiedade privada, que manteñen a súa conservación nun estado óptimo. Máis información en La Voz de Galicia.