fbpx

Así vivían os “castrexos”: reconstrúen un poboado en Arxeriz

Tempo de lectura: 2 min.

Aos pés do xacemento arqueolóxico de Arxeriz os visitantes poderán coñecer como eran as vivendas castrexas na época na que foron habitados. Isto é posible grazas a unha reconstrucións impulsada pola Fundación Xosé Soto de Fión, que incorporou esta nova construción fóra do perímetro do xacemento arqueolóxico.

“Casa, almacén, patrio de traballo, celeiro e restos doutra construción dun nivel de ocupación máis antigo” xa se poden ver nesta recreación, como indica o director da fundación, José Antonio Quiroga. Ata o de agora están montadas as estruturas principais do que sería unha unidade familiar no castro do Saviñao, grazas a un proxecto que xa completou a súa primeira fase.

As construcións que recrean a vivenda castrexa están feitas con pedras da propia finca na que se está a levantar o proxecto, mentres que a madeira utilizada pertencen á propiedade do ecomuseo, como explican en La Voz de Galicia. “As cubertas serán de colmo como as desenvoltas nas pallozas por considerarse o máis aproximado a como eran no seu día e dada a especialización cerealística e a abundancia de palla no entorno de Arxeriz”, comenta Quiroga.

Agora, na seguinte fase rematarase a cuberta, así como se acondicionará o espazo, complementando este con paneis explicativos e elementos de decoración propios das vivendas que esta reconstrución representa. Para ver o conxunto rematado haberá que esperar uns dous meses, tempo que se estima que durará esta última fase.

Esta novidade do ecomuseo atópase a uns 70 metros de distancia do xacemento, un castro duns 300 metros cadrados, dos cales hai 140 ocupados con construcións que buscan reproducir doa maior fidelidade posible os restos orixinais.

“Queremos potenciar o valor do propio xacemento e das escavacións realizadas cun museo de sitio ao aire libre para dar explicación do feito poboacional dun castro e así axudar á divulgación da cultura castrexa”, conclúe o director da fundación Xosé Soto de Fión. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...