Atopan o primeiro miliario da Via Nova na comarca de Valdeorras
Un total de 210 millas romanas (que equivalen a 330 quilómetros) é a distancia que separaba Bracara Augusta (Braga) de Asturica Augusta (Astorga), cidades romanas que estaban unidas pola calzada coñecida como Vía Nova ou Vía XVIII. Os miliarios son un dos distintivos desta vía romana, que marcaban a distancia ao longo de todo o recorrido.
Esta vía suma un novo miliario, despois de que se atopase unha nova pedra cilíndrica que na súa época cumpriu a función de sinalizar a distancia. A importancia deste achado recae tamén no feito de que se trata do primeiro miliario en Valdeorras, que ademais conta con inscricións que suman valor ao marco romano.
Ponte da Cigarrosa é o lugar no que fai uns meses se atopaba a peza, que foi restaurada e colocada ao carón da Ponte que une A Rúa e Petín, separados polo río Sil. Este lugar, nun dos lados da ponte de orixe romana, puido ser o emprazamento orixinal do miliario.
Trátase así do primeiro miliario da comarca, a pesar da existencia dunha referencia a outra peza na zona Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá. Porén, este non foi atopado. Agora, Valdeorras acolle este novo marco, que se inaugurará proximamente. Máis información en osil.info.