Atopan unha estación de petróglifos mergullada no Encoro da Edrada
Ao carón do Encoro da Edrara, en Parada do Sil, atópanse unhas pedras que presentan círculos concéntricos e furados de pouca profundidade que apuntan ter valor histórico e arqueolóxico. Así o fixo saber a Asociación Amigas das Árbores, despois de localizar o que consideran uns posibles petróglifos.
O achado xa foi notificado á Consellaría de Cultura, á espera de que ditos gravados sexan analizados e debidamente catalogados por profesionais da arqueoloxía. Os posibles petróglifos atópanse a carón da auga do encoro en tres rochas contiguas de pequenas dimensións.
“Atopar este tipo de gravados pétreos é moi emocionante e sempre sorprende que poidan estar agochados e tan marcados despois de miles de anos”, explican dende Amigas das Árbores tras o achado.
Un dos membros de Amigas das Árbores foi quen atopou os gravados o pasado 12 de xullo fronte as aldeas de Castiñeiras e Pradomao. Agora dende a Asociación esperan que sexan debidamente rexistrados e catalogados.