fbpx

Coñece o Patrimonio Invisible de Pontevedra

Tempo de lectura: 2 min.

O cemiterio de Santo Amaro, o Pazo de Gandarón, a igrexa e o monasterio de San Salvador de Lérez, o barrio da Moureira e o Arquivo Histórico Provincial serán os protagonistas da Semana do Patrimonio Invisible. Con esta edición será o terceiro ano consecutivo que o Concello de Pontevedra quere poñer en valor “recunchos descoñecidos” do patrimonio cultural e histórico da cidade.

Durante os días 14, 15 e 16 todas as persoas que o desexen poderán participar nas visitas para coñecer estes cinco espazos históricos a través de visitas guiadas polos lugares. Repite, con respecto aos pasados anos, a presenza do cemiterio de Santo Amaro no percorrido, sendo o resto de lugares novos dentro deste proxecto.

Dentro da programación deste ano atópase o Pazo de Gandarón, do que tamén se visitará o xardín, que conta cunha colección de camelias. Da igrexa e o mosteiro de San Salvador de Lérez destacan a súa antigüidade, pois entre as súas paredes gárdanse máis de 1100 anos de historia, como o feito de ser o Colexio de Artes no que estudou Frei Martín Sarmiento. “Historia, tradición e devoción mestúranse neste edificio, cuxa fundación se remonta ao século X”, explican dende Patrimonio Invisible.

Porén, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Maceda, destacou na presentación da programación a incorporación do barrio da Moureira. “Vai ser unha visita a pé, polos recunchos da zona como a ribeira dos Peiraos”, explicou, dando relevancia ao formato desta visita, na que tamén estarán presentes representantes do Gremio de Mareantes para poñer en valor o pasado navegante e mariñeiro. Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial abrangue fondos históricos dende o século XV ata a actualidade.

Para poder participar é necesario reservar praza na páxina web da Semana do Patrimonio Invisible, e dende o Concello afirman que “co éxito que tivo estes anos esperamos que se complete en nada”. Un total de 315 ofertaranse durante os tres días, durante os cales haberá circuítos en cinco horarios diferentes, 11, 12, 18, 19 e 20, cun máximo de quince persoas por visita. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...