fbpx
Inscrición medieval atopada na Igrexa de Santa María de Dodro / Colectivo A Rula

“Cresconius”…a inscrición medieval agochada na Igrexa de Santa María de Dodro

Tempo de lectura: 2 min.

As barrocas bóvedas en forma de vieira de Santa María de Dodro ou o seu retablo, obra do mestre compostelán Simón Rodríguez son só algúns dos tesouros que esconde esta igrexa erguida no século XVIII no concello coruñés. Recentemente, un novo achado súmase aos elementos de interese patrimonial e cultural que se atopan no lugar.

O Colectivo a Rula fixo público a descuberta dunha inscrición localizada na igrexa de Santa María de Dodro, situada na súa fachada occidental. Foi durante as labores de conservación do templo cando se atopou de maneira casual esta epigrafía medieval.

En letra visigótica, “con influencia uncial e reminiscencias mozárabes de difícil lectura, na que se combinan maiúsculas, unciais e minúsculas agrandadas con numerosas abreviaturas”, como explican dende o Colectivo, atópase inscrita a data segundo o calendario romano, e que equivalería ao 26 de xullo do ano 1102. Na pedra noméase tamén á personaxe de Cresconius, un nome bastante común na época e aparellado a Santiago de Compostela, polo que é difícil identificar a quen fai referencia o texto.

“A pesar dos baleiros na transcrición cremos de interese a hipótese na que se relaciona a inscrición co posible acto fundacional do templo, sen descartar que poida ter relación coa conmemoración dunha reforma posterior”, indican dende a asociación.

Na interpretación e análise do achado participaron o investigador Juan Andrés Fernández Castro; o profesor de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade Complutense de Madrid, José María de Francisco Olmos; a especialista en epigrafía medieval e directora do Instituto de Estudios Medievais da Universidade de León, María Encarnación Martín López; e o arqueólogo José Suárez Otero.

Tras o achado, quedan abertas todas as hipóteses con respecto á historia e orixe da inscrición. Pola súa banda, dende Colectivo a rula destacan e agradecen a atención e conservación do patrimonio que se está levando a cabo dende o Concello de Dodro, con que manteñen unha colaboración para dignificar e valorizar o patrimonio da contorna.

Pode que che interese...