Do recordo dun paseo da infancia á descuberta da Cibdá de Armea
Nos anos 40 o arqueólogo Francisco Conde-Valvís Fernández recordaba un paseo de cativo co seu pai, o tamén afeccionado á arqueoloxía e coleccionista Francisco Conde Valvís. Nunha excursión polos arredores de Allariz viran xuntos as estatuas duns guerreiros sobre o peitoril dunha casa. O arqueólogo era un neno cando isto pasou, pero as imaxes quedáronselle gravadas da mente, lembrándoas a mediados do s. XX.
Foi a partir desas memorias recorrendo a cabalo restos arqueolóxicos con seu pai e cunha conversa co historiador Xesús Ferro Couselo cando recordou esas figuras que vira de pequeno. Iniciou así a pescuda do lugar, cuxa localización exacta non lembraba, ata que chegou ao pobo de Outeiro de Laxe, na parroquia de Augas Santas, recoñecendo os lugares que vira guiado por seu pai. Con esa nova información, comezaron as escavacións do que logo se coñecería como a Cibdá de Armea, identificando novos restos e materiais.
Porén, as labores de escavación máis intensivas comezaron no ano 2011, traballos promovidos polo concello de Allariz e a Universidade de Vigo, que durante dez anos consecutivos estiveron sacando á luz novas construcións e elementos que converten á Cibdá de Armea nun dos referentes da arqueoloxía galega galaico romana.
O Museo Arqueolóxico de Ourense tamén bota man dos recordos para presentar esta historia, que se pode considerar o principio da descuberta do recinto romano con aparencia de castro. E con esta narrativa tamén queren poñer en valor algunhas das pezas que se poden ver no museo ourensá, como son as cabezas castrexas que atopou Conde-Valvís no fóra do xacemento.
Nas escavacións realizadas no xacemento no mes de xullo do pasado ano saíu á luz unha nova cabeza datada do s. I d.C. “Trátase dun achado importante porque as cabezas deste tipo hai moi poucas no contexto galego, arredor dunha vintena, e a maioría relacionadas con cabezas de guerreiros. Achar cabezas antropomorfas en ambientes galaico-romanos é moi pouco habitual, é un elemento de cultura material que non se atopa todos os días”, explicou entón o director da campaña, Adolfo Fernández, como se recolle nun artigo de Historia de Galicia. Esta nova cabeza podería estar relacionada coa protección da domus.
“A fotografía das cabezas, in situ, tomada por Conde-Valvíns no intre do descubrimento foi recentemente depositada neste meso Museo polo seu fillo Francisco Conde-Valvís Manzanares. Son tres xeracións favorecendo cun legado ao Museo Arqueolóxico”, afirman dende a institución.
E que a familia Conde-Valvíns contribuíu ao longo da historia na formación do Museo Arqueolóxico de Ourense. O pai, Francisco Conde Valvís, foi mecenas do museo, mentres que o fillo, benemérito do museo, doou a sala Conde-Valvís con obxectos que el mesmo ou o seu pai atoparan en diferentes escavacións.
Dende o museo anuncian que este outono unha nova mostra reunirá pezas do contexto cultural da Cibdá de Armea, entre as que se atopan as cabezas castrexas que, como afirman “poderemos contemplalas e somerxernos na memoria e incluso, sen ter experimentado os acontecementos que as rodearon, recordar e emocionarnos”.