fbpx
Inscrición medieval atopada na Igrexa de Santa María de Dodro / Colectivo A Rula

Dodro Vello… Na procura da Igrexa do rei Artur de Ferrín

Tempo de lectura: 4 min.

O mosteiro de Dodro Vello -sartegos, cánticos, encontros de sirgo e sombra- era un animal soterraño: ourizado en voutas con crestería desmanchada; nel habitaban luxuria e isolamento, e todo falaba pola voz da raíña Guenebra, presa alí, cando Artur aguillaba, entolecido, entre panos de lúa grande”

Amor de Artur

Méndez Ferrín

A colaboración co Colectivo a Rula do Concello de Dodro para a investigación do seu patrimonio cultural xa empezou co estudio dos petróglifos de Bouza-Badín que deu como froito o magnífico traballo “Os xinetes de Bouza-Badín. Arte Rupestre no Concello de Dodro” https://colectivoarula.com/2020/09/18/os-xinetes-de-bouza-badin-arte-rupestre-do-concello-de-dodro/ convertido nun libriño imprescindible para a interpretación dos gravados rupestres de Dodro.

Foi neste inverno cando o párroco de Santa María de Dodro D. Francisco Lampón, un cura novo e con inquedanzas culturais, patrimoniais e apaixonado da historia, nunha visita que fixemos ao templo coa ocasión da restauración da pía bautismal onde foron cristianizados os fillos de Rosalía de Castro, Ovidio e Gala, o que nos mostrou a inscrición que se atopa no muro interno da fachada occidental da igrexa.

Esta pedra non era descoñecida pois xa Manolo Lorenzo Baleirón na súa obra “Toponímia de Dodro. Os nomes na auga” fai referencia a este elemento: “Quizais un lintel cunha inscrición que sería necesario interpretar, empotrado a ras do chan na parede interior do templo, á dereita da porta principal, unha posible lauda no descanso das escaleiras que soben ó campanario, ou dous capiteis nos laterais da cancela norte que dá acceso ó adro, formasen parte desas antigas edificacións medievais.”

Tamén o prestixioso arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero a instancia de Xoán Bautista Mariño, mestre e veciño da igrexa de Dodro fixo unha visita ao templo en 2013 na que fixo un calco en papel que nunca tivo transcendencia nin se fixo público.

O traballo do Colectivo A Rula deu como froito a interpretación da inscrición, que pedía Manolo Lorenzo Baleirón na súa obra, aínda que incompleta debido ao encintado de cemento que oculta a liña superior e ao desgaste da ultima pola situación a rentes do chan. https://colectivoarula.com/2022/07/02/unha-inscricion-altomedieval-inedita-na-igrexa-de-santa-maria-de-dodro/?fbclid=IwAR3FwxkpK-Yu6IuSt9DJXfcRqxY9_T2_fsPhPpJ48CJaq790kUTenU_INcw

Pode ser esta a pedra fundacional do Mosteiro de Dodro Vello que relataba Méndez Ferrín en Amor de Artur?

Aparte da ficción de Méndez Ferrín, parece cada vez mais claro que no século XII xa existía unha abadía en Dodro e que un tal CRESCONIVS FILII e outro LEOVEGILDI V na data de ERA ICLX VII Kalendas Augustas ou sexa: ERA 1140, 26 de xullo do ano 1102 xa tiñan algo que ver con Dodro.

Os documentos escritos mais antigos que se conservaban en Dodro, no seu arquivo, datan do século XV: o pergamiño da Venda de Fernán Duro de 1436 e do XVII: o Foro de Eugenia de Toubes de 23 de abril de 1671 sendo agora esta epigrafía da igrexa de Dodro o “documento” mais antigo do concello.

A igrexa de Santa María de Dodro

Segundo as investigacións de Manolo Lorenzo Baleirón publicadas no seu libro “Toponimia de Dodro e Laíño. Os nomes na auga” xa Lucas Álvarez en 2003 “propón a data de 1109 (pois argumenta que a que aparece está errada) para un documento conservado en San Martiño Pinario no que a infanta dona Urraca (filla de Afonso VI) lle doa a igrexa de Santa María de Dodro (non sabemos como está citado no orixinal) a Petro Vimaraz.” E segue: “En 1114 Aldara Guteridiz (noutras transcricións Eldara Gunteríquiz) muller do citado Vimaraz, dóalle a San Martiño Pinario a cuarta parte da igrexa de Sancte Marie de Dalodro con todos os seus casais, hortas, cortiñas, montes, fontes, ríos, viñas, devesas…”

En 1272 Santa María de Dodro aparece citada con outras igrexas nun documento no que o Papa Gregorio X lle confirma ó mosteiro de San Martiño Pinario as súas posesións: “Sancti Iuliani de Laino, Sanctae Mariae de Dodro, Sancti Vicentii de Aquis sanctis”

É a actual igrexa de Dodro unha boa construción exemplo do barroco de placas compostelán xurdido en Santiago de Compostela da man do arquitecto Simón Rodríguez.

A principios do século XVII segundo describe Jerónimo del Hoyo, o visitador do arcebispo na súa viaxe á igrexa: “Vale la fábrica seis ferrados y un toledano de centeno y cinco ferrados de mixo. (…) Presentación de Sancta María de Conjo que es un monasterio mercedario que hay en Santiago y llieba por ello el convento seis cargas de pan, como patrón.”

En 1718, o arcebispo de Santiago, tras visitar o templo, mandou derrubar o antigo edificio e reedificalo, debido á súa insuficiencia. Esta reedificación foi proxectada polo senlleiro arquitecto Simón Rodríguez, un dos mellores da centuria. A finais da década de 1760 sufriu unha nova reforma co fin de ampliar o cruceiro.

Esta igrexa, de cruz latina, ten un grande interese como exemplo de parroquial rural proxectada por Simón Rodríguez pola peculiar solución de cuberta en forma de cuncha de vieira nas dependencias laterais da capela maior onde se colocou tamén recentemente, por iniciativa do cura párroco Francisco Lampón, a recuperada pía bautismal do século XVIII, que estaba nas aforas do templo, na que foron bautizados os fillos de Rosalía de Castro Ovidio e Gala en 1871.

É tamén interesante polo retablo principal de deseño e talla compostelán, o cal tamén pode atribuírse con toda seguridade a Simón Rodríguez.