fbpx

O Reino Unido faise eco dos máis de 200 xogos medievais agochados en Compostela

Tempo de lectura: 2 min.

Entre as rúas do Casco Vello de Santiago de Compostela agóchanse máis de 200 xogos medievais tallados en pedra. A bancada da Paraza do Obradoiro, a Torre da Berenguela ou a balconada da Casa do Cabildo son algúns dos lugares que esconden estes taboleiros, que pasan desapercibidos ante os centos de persoas que cada día pasan ao seu carón.

Que no chan de Santiago se atopen gravados de nove ocos que semellan un tres en raia chamou a atención do diario The Guardian, que publicou un artigo que destaca que na cidade galega se poidan atopar máis de 200 taboleiros, todos eles documentados polo Colectivo A Rula.

Foi no 2015 cando a Asociación comezou a cartografar a localización dos xogos, despois de que as redes sociais se fixen eco de diferentes xogos atopados nun convento local. A partir de entón, non só dende o colectivo, senón tamén os veciños, comezaron a atopar gravados similares en prazas, fontes e fachadas barrocas, algúns deles datados do s.XVI.

“Unha asociación histórica local de Santiago de Compostela pide que se protexa a cara menos coñecida da cidade: os case 200 xogos de ceros e cruces tallados fai séculos nalgúns dos seus edificios máis emblemáticos”, destacan dende o xornal The Guardian. A desigualdade que se esconde detrás dos xogos tamén chamou a atención fóra de Galicia, pois recollen, como explican dende Colectivo A Rula, como a presenza dos taboleiros fronte aos templos suxiren a existencia de colas para pedir esmolas.

Dende o diario do Reino Unido tamén sinalan como a pesar das chamadas por parte do Colectivo A Rula para a conservación e protección dos xogos, recibiron poucas respostas por parte das autoridades. Dende a Asociación queren poñer en valor o que consideran algo singular de Santiago de Compostela: “Nunca escoitamos falar de algo parecido á concentración de xogos que temos aquí”, sinala o membro do colectivo Luis Leclere. Máis información en The Guardian.

Pode que che interese...