fbpx

Os esgrafiados tradicionais da Ribeira Sacra, tamén na Estrada

Tempo de lectura: 2 min.

Ao pasar pola plena N-625, á altura da Estrada, pódese ver na fachada dunha antiga vivenda o que semellan ser vasillas ou copas. Trátase de esgrafiados, figuras e representacións nas paredes das construcións feitas con cal, coas que se aumentaba o grosor desas fachadas.

Ata o de agora ninguén prestara atención sobre estas figuras, e foi a Asociación poara a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), quen descubriu estes motivos decorativos no Sol, na Estrada. O bo estado de conservación no que se atopan, a pesar de estar ao carón da estrada nacional, e polo tanto soportando o paso do tráfico, chamou a atención da Asociación, sorprendida tamén pola presenza deste tipo de arte no concello pontevedrés.

“No sol había 1 casa esgrafiada con probable orixe nos Cambotes, homes que cada ano ían de Monforte á Estada a estibar as leiras do monte para facelas produtivas”,  explicaban dende Apatrigal. Ademais, apuntan a que a construción puido ser o taller dun ferreiro, lugar no que eses traballadores paraban a arranxar as ferraduras dos cabalos.

Foi a investigadora e colaboradora da Asociación Mar López Sotelo quen, colaborando cos Alfombristas da Estrada, se fixou na casa da  N-640. López é estudosa dos esgrafiados na Ribeira Sacra e no Camiño de Santiago, polo que relacionou o achado cos motivos presentes na Ribeira Sacra.

É por iso que unha das primeiras hipóteses relaciona os esgrafiados estradenses cos traballadores das Terras de Lemos, “homes que cada ano ían de Monforte á Estrada a estibar as leiras, e que puideron levar os esgrafiados ao Sol”, como explican na conta de Twitter de Apatrigal. O presidente da asociación, Carlos Henrique Fernández Coto, explica nun artigo de La Voz de Galicia que traballadores coñecidos como cambotes “viñan a cabalo e ao quedar por alí trouxeron esa moda, unha técnica da Ribeira Sacra”.

Porén, non son os únicos esgrafiados atopados no concello de Pontevedra, pois catro vivendas nos lugares de Parada, Curantes, Pardemarín e Tabeirós teñen este tipo de decoración. Un mapa interactivo elaborado por Mar López permite coñecer a distribución dos esgrafiados en Galicia, sendo o berce destes a Ribeira Sacra. Porén, dito mapa tamén revela o Camiño de Santiago e as diferentes rutas como a vía de expansión desta técnica. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...