fbpx

Que había debaixo do castelo medieval de Lobarzán?

Tempo de lectura: 2 min.

O conxunto arqueolóxico do Castelo de Lobarzán, no monte de San Salavadore de Vilaza, entre Manterrei e Oímbra, vén de ser obxecto de investigacións por parte do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. A través dunha prospección xeofísica o obxectivo era localizar indicios de ocupación prehistórica.

Este conxunto, tamén coñecido como A Ceada das Chás, e que se atopa entre as aldeas de As Chás (Oímbra) e Vilaza (Monterrei), foi nun primeiro momento nomeado como o Castro das Laxes das Chás. “As primeiras referencias falaban da existencia dun castro ou citania, pero hoxe en día non coñecemos indicios desa ocupación da Idade do Ferro”, explica a investigadora do GEAAT, Beatriz Comendador. É por iso que que con esta nova investigación se buscaba esclarecer a información atopada nas intervencións anteriores.

No ano 2000, cando se coñecía o lugar como Castelo de Chás, desenvolvéronse as primeiras investigacións que apuntaron a unha ocupación arqueolóxica. No 2019, unha intervención arqueolóxica, froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oímbra e Monterrei, permitiu identificar unha fortaleza medieval pertencente á ocupación do período xermánico no alto a Ceada, en Oímbra. Foi entón cando se deron a coñecer unhas pinturas esquemáticas do Penedo do Gato, nunhas das abas do alto do Castelo.

“O conxunto Arqueolóxico e Natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán está logo formado por diversas evidencias arqueolóxicas dunha ocupación diacrónica e longa”, explica Comendador. A aparición dun importante conxunto de pezas arqueolóxicas na zona durante as intervencións de 2019 foi o que motivou que durante este mes de xullo se levasen a cabo novos traballos  de prospección xeofísica para determinar unha ocupación máis antiga. Ata o de entón, atopáranse materias do terceiro milenio AC, mais apareceron outros “susceptibles de indicar unha ocupación máis antiga”, segundo explica a investigadora do GEAAT.

“A interpretación provisional da magneometrías e dos datos recollidos revela a presenza de anomalías magnéticas de interese, como áreas de queimado que poden corresponderse con fogueiras de cronoloxía indeterminada, aliñamentos dispersos e unha posible estrutura subcircular”, salienta Beatriz Comendador, unha vez rematada a intervención, que foi de carácter non invasivo. Os resultados acadados son de especial interese, e abren a posibilidade de futuras sondaxes que permitan coñecer máis en profundidade a riqueza arqueolóxica da contorna. Porén, a arqueóloga lamenta a falta de financiamento.

Esta última intervención arqueolóxica contou co apoio do concello de Monterrei e nela, ademais de Beatriz Comendador, tamén participaron a axudante de dirección e membro do GEAAT, Lucía Rodríguez; o membro de Era Arqueolóxica SA, Tiago de Pereiro; e a investigadora posdoutoral Emmanuelle Meunier. Máis información no portal da Universidade de Vigo.

Pode que che interese...