fbpx

Queres coñecer como se desenvolven os traballos arqueolóxicos do xacemento de Adro Vello?

Tempo de lectura: 2 min.

O Adro Vello, situado xunto á praia do Carreiro, no concello do Grove, é un dos grandes xacementos de Galicia, que conta con restos romanos e altomedievais de gran interese histórico e cultural. A alarma a principios de ano polo estado de conservación e os trámites iniciados en xaneiro para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) fixeron que este mes de xullo se iniciasen traballos para remediar a situación na que se atopaba.

A primeira das intervencións levouse a cabo grazas a un convenio entre a Universidade de Vigo e a Dirección Xeral de Patrimonio, e agora pódense coñecer os avances desta intervención arqueolóxica. Para iso, a Xunta organiza visitas guiadas para achegarse  aos traballos que se están a desenvolver no recinto. Para iso, estableceron dous días durante os cales se realizarán catro sesións por día en quendas de 15 persoas.

Este 22 de xullo tiveron lugar as primeiras visitas, cada unha de 50 minutos, con dúas sesións pola mañá (10,30h e 12,00h) e dúas pola tarde (17,30h e 19,00h). Os mesmos horarios seguirán as quendas da próxima xornada, que terá lugar o vindeiro 29 de xullo. Para participar nas visitas guiadas é preciso apuntarse no correo electrónico reservas@xeitura.com, e recomendan asistir con roupa cómoda e calzado pechado.

Con esta iniciativa queren dar a coñecer a intervención que se está levando a cabo no xacemento do Grove, que conta cun orzamento de 50.000€. Durante a campaña. Realizaranse labores de conservación e consolidación das estruturas do xacemento, así como traballos de retirada de tapados antigos e novas sondaxes arqueolóxicas e escavación de tumbas.

Dende restos dunha salgadeira romana e unha vila romana, ata unha necrópole con ata dez niveis de soterramento e unha igrexa de planta basilical do s. IX son algúns dos principais puntos de interese deste xacemento. É por iso que dende a Xunta e o concello do Grove animan a participar nestas visitas guiadas para coñecer de preto o lugar.

Pode que che interese...