As obras de rehabilitación descobren novos tesouros no Mosteiro de Santa Catalina
Un forno ao carón da campá na cociña, latrinas e un sistema de canalización antiga son algúns dos elementos que se descubriron no Mosteiro de Santa Catalina, datado do s. XIV, despois dun ano traballando no complexo. Así o adiantou o alcalde do Concello de Ares, Julio Ignacio Iglesias quen anunciou nas súas redes sociais os achados que se atoparon no mosteiro.
“Realmente esta obra é impresionante!”, anunciaba o alcalde na súa conta de Facebook, axuntando diferentes fotografías que daban conta dos avances das obras que comezaron na cociña do convento o 1 de setembro do 2021. Dende entón, restauráronse 162 metros cadrados da estancia.
Entre as obras de rehabilitación destacou a renovación da cuberta para evitar a filtración de auga, así como a restauración do chan con perpiaños orixinais e formigón pulido. A estes traballos súmanse a eliminación dun muro que dividía o lugar, así como a colocación dunha meseta elevada e unha rampla, para facilitar o acceso, como detallan dende La Voz de Galicia.
Con esta obra, séguese “a liña de traballo centrada no coidado do noso patrimonio histórico e cultural, en consonancia co Plan de Protección de Montefaro e Punta Coitelada”, como indicou a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos.
“Santa Catalina estaba totalmente deixada. Por non dicir abandonada. Pero pouco a pouco esta xoia vai recobrando o seu esplendor”, aseguraba Julio Ignacio Iglesias. Con esta obra, o concello pon en valor o seu patrimonio arquitectónico, que cobra máis importancia cos descubrimentos no lugar.
A obra no Mosteiro de Santa Catalina partía dun presuposto de 131.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña, despois da firma dun acordo, destinou 128.855 euros, mentres que o concello de Ares inverteu un total de 35.000 euros. Máis información en La Voz de Galicia.