fbpx

Así loce o Castelo da Pena, un dos puntos que vixía a Limia dende o s. XII

Tempo de lectura: < 1 min.

A lagoa de Antela, na zona da Limia, estivo vixiada durante séculos por catro torres principais: A Torre da Pena, de Sandiás, de Celme e de Porqueira. Na primeira dela, a Torre da Pena, tamén coñecida como Portelam de Sanctio Iohannis, Castelo de Portela de Pena ou Castelo da Porteliña, véñense de finalizar os traballos de acondicionamento que poñen en valor este elemento do patrimonio de Xinzo.

Dende o mes de novembro do 2021, a torre, acolleu labores de consolidación, limpeza, acondicionamento e sinalización do lugar, mais tamén escavacións arqueolóxicas que permitiron a localización de novas estancias. Entre elas destaca un alxibe cun pozo, que aproveita afloramentos graníticos naturais.

A empresa ACITANIA foi a responsable dos traballos que se realizaron na construción, unha actuación subvencionada pola Xunta cun custo de 200.000 euros. Estas labores deron continuidade ás sondaxes arqueolóxicas realizadas en campañas anteriores que se impulsaron dende a Consellaría de Cultura.

O proxecto que se levou a cabo na fortaleza, no que participaron máis de 20 profesionais, rematou a última semana de xullo despois de meses de traballo, momento que se aproveitou para a organización dunha visita para dar a coñecer os resultados. O director da campaña, Israel Picón, foi o encargado de guiar aos asistentes.

Durante o percorrido, no que se seguiu o circuíto de paneis informativos recentemente instalado, Picón destacou as características da fortaleza, datada do s. XII, e recordou que é un erro recoñecer o lugar como Torre da Pena, no canto de Castelo da Pena, pois tense demostrado que a torre formaba parte dun conxunto maior. Durante a visita, tamén fixo fincapé na importancia de coidar o patrimonio e de non depositar lixo no lugar. Máis información en Dende a Limia.

Pode que che interese...