fbpx

O incendio de Oímbra calcina a capela medieval de Santa Ana

Tempo de lectura: < 1 min.

O templo medieval de Santa Ana, que cada 26 de xullo acolle a principal romaría de Oímbra, apareceu calcinado, consecuencia do lume que esta fin de semana afectou ao municipio ourensán. A capela, que se atopa no medio no monte, viuse rodeada polo lume, que comezou na parroquia de Chas arredor das 17.00 horas do pasado domingo, 14 de agosto. O incendio seguiu activo este luns, arrasando máis de 70 hectáreas.

Só “quedaron as paredes”, asegurou a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, en declaracións a Europa Press. Villarino relatou como o cambio da dirección do vento fixo que a traxectoria das lapas mudase, alcanzando así a Casa dos Montes e a capela medieval. Ademais, indicou que o lume comezou polo tellado, levando con el o interior da construción, onde tamén se atopaba a figura da Santa.

“Xa falei cos conselleiros de Cultura e Medio Rural (Román Rodríguez e José González), os dous comprometéronse a que a iamos reconstruír”, engadiu a alcaldesa, amosando a súa preocupación por un templo símbolo do lugar. Pola súa banda, o bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet tamén mostrou disposición para a recuperación da capela.

Villarino indicou que “haberá que facer un proxecto de reconstrución dun ben que estaba inventariado”, facendo referencia á capela que, segundo a tradición, se cre que se construíu para agradecer a Santa Ana que os veciños de Oímbra se salvasen das persecucións dos exércitos portugueses. Ademais, tamén se apunta a que a capela foi un eremitorio altomedieval, no que se poden distinguir altorrelevos con referencias ao sol e ao lúa, astros que se identifican co home e a muller. Máis información en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...