fbpx

Os petróglifos de Gurita serán recuperados despois de sufrir actos vandálicos

Tempo de lectura: < 1 min.

No pasado mes de maio os petróglifos de Gurita, na parroquia de Baroña, aparecían danados. Cinco cervos e a figura dun sol estaban raiados, un acto vandálico que facía que estes estivesen máis visibles, pois as raiadas repasaban os sucos dos gravados.

Dende a comunidade de Montes de Baroña apuntaban que os “danos poderían ser irreparables” se se fixesen con pedra ou un material semellante. Neste caso, todo apuntaba que as marcas foran feitas cun pau, o que posibilitou que si se poidan recuperar. Para iso, no lugar comezou unha actuación que ten como obxectivo devolverlles aos gravados a súa forma antes de seren danados.

Aproveitando a intervención na estación de petróglifos, que durará catro meses, tamén se levaran a cabo outros traballos de limpeza e a mellora de acceso ao lugar, que poñan en valor os gravados. Dende a Comunidade de montes de Baroña, que denunciara os danos no pasado mes de maio, apuntan a que dito acto vandálico puido ser consecuencia do descoñecemento para resaltar a figura, por iso inciden na importancia de coidar o patrimonio e dálo a coñecer. Unha mellor sinalización axudaría á comprensión e protección dos petróglifos, engaden.

Os traballos arqueolóxicos tamén se desenvolverán na estación da Pedra Bicuda, cuxos petróglifos, ao igual que os da Gurita, serán consolidados e documentados de maneira gráfica. Destaca tamén o proxecto para crear unha franxa de protección fronte a incendios forestais. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...