Os segredos do castro de Cereixa: un colar inédito en Galicia
As escavacións do castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, sacaron á luz un achado único do lugar. Un total de 23 doas, ou bólas pequenas, elaboradas con pasta de vidro e óso son os descubrimentos máis relevantes, pois formarían un colar castrexo único no sur da provincia.
“Coñécense outras pezas deste tipo que apareceron en diferentes xacementos castrexos de Galicia, pero que nós saibamos, nas comarcas do sur lucense aínda non se encontrara nada parecido”, explica o director técnico das escavacións, Xurxo Ayán, en declaración recollidas en La Voz de Galicia.
Trátase dun colar fabricado entre os séculos I e II, mais podía tratarse dun obxecto común na época, cando comezaron a proliferar este tipo de adornos como imitación aos colares de ouro das clases dominantes.
Non se descarta que ao descubrimento haxa que sumar novas pezas, pois aínda quedan sedimentos por cribar. Polo de agora, o que se sabe das doas atopadas é que posiblemente aquelas feitas de pasta de vidro sexan de fabricación local, a diferencia doutras atopadas en diferentes castros galegos e que teñen unha orixe púnica ou cartaxinesa.
“Para fabricar a pasta de vidro fai falta sílice, cal e algún fundente que pode ser potasio ou sodio”, explica Ayán, uns materiais, que como apunta, se podían atopar preto do poboado castrexo. Sábese, por exemplo, que os ríos do lugar arrastraban ouro. A isto súmase ao desenvolvemento tecnolóxico dos seus habitantes, pois posuían as técnicas necesarias para a elaboración desas doas.
No que respecta ao resto da provincia, atopáronse adornos parecidos nos castros de Viladonga (Castro de Rei) e en Castro Landín (Cuntis), mais o novo achado do castro de Cereixa é o primeiro no que aparece un obxecto así no sur de Lugo.
Agora, serán as restaurados Yolanda Porto e Carolina Casal as encargadas de estudar as características do colar, o que permitirá descifrar os seus usos. Pola súa banda, Ayán non descarta a vinculación con algún ritual ou tradición. “Non sabemos se foi utilizado por unha muller, por un home ou por un neno, pero é moi probable que tivese algún significado simbólico, porque todo fai pensar que os ornamentos tiveron moita importancia como símbolos na sociedade castrexa”, conclúe. Máis información en La Voz de Galicia.