fbpx

Pedras con gravados do desaparecido mosteiro de Lampadio: tesouros en casas particulares

Tempo de lectura: 2 min.

Formando parte do muro dunha casa tradicional de Teo, atópase un perpiaño que contén unhas inscricións inéditas, e que foron descubertas polo Colectivo A Rula, unha asociación cultural de divulgación e protección de arte rupestre. Segundo o colectivo, trátase dun “pequeno panel insculturado na superficie dun perpiaño” que se atopa nunha vivenda situada fronte á igrexa parroquial de Santa María de Lampai.

“O forte desgaste produto da erosión que presenta o conxunto dificulta a proposta dunha adscrición cultural e cronolóxica”, explican dende a asociación. Porén, pódense distinguir dúas combinacións circulares. A mellor conservada ten unha dimensión de 28 centímetros de diámetro e 3 aneis concéntricos, cunha coviña central. A segunda figura ten un deseño similar, mais só se conserva a súa metade inferior. “Existen posibles restos doutros motivos que non podemos describir polo mal estado de conservación dos gravados”, engaden.

O gravado atópase na xamba da porta principal dunha casa tradicional, polo que se trata dunha pedra reempregada como material construtivo, pero cuxa orixe aínda se descoñece.

Polas características do deseño, apuntan a que podería ser un gravado da idade do Bronce, mais tamén abren outras hipóteses como que se trate dun debuxo medieval, e que dita pedra procedese do desaparecido mosteiro de “Sante Marie de Lampadio”, un edificio románico documentado do s.XII. Esta hipótese vese reforzada polo feito de que outras construcións da contorna tamén están formadas por diferentes pedras reaproveitadas.

“No propio templo existen gravados semellantes como os aneis e combinacións circulares das bases decoradas do arco triunfal”, explican dende A Rula, facendo referencia á Igrexa parroquial de Santa María de Lampai, ao carón da cal se erguía o mosteiro desaparecido. “Porén, estes deseños presentan sucos moito máis finos e regulares. Non é descartable que os gravados prehistóricos da contorna do mosteiro foran fonte de inspiración ós mestres canteiros do románico”, comentan.

Polo de agora, esperan que o achado sexa debidamente catalogado e se poida coñecer a orixe dos gravados que se atopan na casa tradicional, que foi reconstruída nos últimos meses para a súa inclusión no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Pode que che interese...