fbpx
Vaso de cerámica común Romana século III-IV d.C., aparecida no xacemento arqueolóxico de Santa Catarina de Reza Vella. Ourense

Un novo curso axudará a saber como identificar cerámica arqueolóxica en Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.

Saber identificar a cerámica arqueolóxica será posible para todas aquelas persoas interesadas na arqueoloxía, grazas ao novo curso que oferta a Universidade de Santiago de Compostela baixo o título “Identificación da Cerámica Arqueolóxica de Contextos Galegos: Do Neolítico ata a actualidade”. O curso, que conta cunha parte teórica e outra práctica, está destinado ao alumnado, a profesionais e ao público xeral afeccionado á arqueoloxía.

Durante os días 23 e 30 de setembro e 7 de outubro a Facultade de Xeografía e Historia da USC acollerá o curso, que é de carácter gratuíto. Ademais, ofértase unha práctica de campo, que se desenvolverá en O Corgo, Lugo, onde se levará a cabo un obradoiro de fabricación cerámica.

Con este no curso formativo, dende a USC queren compartir unha visión actualizada dos coñecementos sobre o material máis abondoso nas escavacións arqueolóxicas, o que permitirá a posteriori identificar pezas de cerámica de tempos pasados.

As investigadoras María Pilar Prieto Martínez, María Guadalupe Castro González e Zaira García son as coordinadoras desta iniciativa, que conta coa colaboración de diferentes institucións como a Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, o Museo Arqueolóxico de Lugo e as empresas Tempos Arqueólogos e Engobe Arqueología.

Para participar é preciso inscribirse nun formulario que estará aberto ata o vindeiro 21 de setembro, pois cóntase cun límite de 25 prazas. Máis información no portal da USC.

Pode que che interese...