fbpx

Un xogo medieval, desprotexido ante ducias de persoas durante o desembarco Vikingo de Catoria

Tempo de lectura: < 1 min.

O coñecido como alquerque de 9 das Torres de Oeste xa fora obxecto de reivindicacións o pasado maio, cando algúns veciños iniciaron unha recollida de firmas para a súa protección. Trátase dun xogo medieval descuberto polo Colectivo A Rula, determinando que o lugar no que se atopou, ao carón do recinto das Torres, non era o seu lugar orixinal.

Coa recollida de firmas pretendíase visibilizar a indignación ante o abandono do gravado, que que se atopa desprotexido e cuxa existencia é descoñecida por veciños e visitantes. Baixo o lema “Salvemos o alquerque” intentouse dar a coñecer a importancia da pedra na que se atopa o xogo medieval, exposto ao paso de persoas.

Porén, as demandas non foron efectivas ata o de agora, polo que dende o Colectivo A Rula critican como o Desembarco Viquingo de Catoira, que se celebrou recentemente na vila, evidenciou a desprotección do xogo.

“Era visto! Hordas viquingas e de turistas sobre o pobre alquerque de 9 das Torres de Oeste”, lamentaban dende a asociación cultural, amosando imaxes da pedra durante a festividade. “A pesar da mobilización social e das reiteradas peticións ó concello non se adoptou ningunha medida para preservar os taboleiros de xogo medievais das Torres de Oeste”, engadían.

Pola súa banda, Cristina Conde Escaloni, afeccionada á historia e promotora da recollida de firmas, xa advertía, en declaracións a La Voz de Galicia , do perigo que estas celebracións poderían causar neste elemento patrimonial: “non aguantará outra Viquinga”. Por iso, demandan que o alquerque sexa trasladado ao museo CACTO, onde podería enriquecer a exposición.

Pode que che interese...