fbpx
Campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda, unha vez rozado / romanarmy.eu

Como os detectores de metais dos furtivos poden prexudicar a un gran xacemento romano

Tempo de lectura: 3 min.

022.

Un equipo arqueolóxico está xa a investigar no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), co obxectivo de obter datos que permitan coñecer como foi construído e avaliar o impacto das agresións practicadas por furtivos con detectores de metais observados no xacemento. A campaña está promovida pola Universidade de Salamanca, baixo a dirección cientifica do profesor desa universidade José Manuel Costa, que comparte co investigador João Fonte (Universidade de Exeter). A dirección técnica dos traballos está a cargo de Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueológos). A campaña prolongarase ata este venres 9 de setembro. A intervención está financiada por Turismo de Galicia e conta coa colaboración do concello de Manzaneda e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit).

O campamento romano de Penedo dos Lobos está localizado a 1483 metros de altitude, sendo un dos campamentos romanos a maior altura no actual territorio galego. Atópase moi próximo, a penas 2,5 km, á estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Conta cunha superficie de 2,34 hectáreas, o cal permite estimar que foi construído para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, é dicir, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo. A intervención practicada por romanarmy.eu en 2018 permitiu localizar materiais asociados aos militares romanos que permitiron propoñer unha cronoloxía contemporánea ás Guerras Cántabras (29-19 a.C.), levadas a cabo por Roma para controlar as áreas aínda non dominadas na Península Ibérica. A identificación do campamento romano tivo un gran impacto no mundo académico e en medios internacionais, achegando unha nova visión para comprender a presenza do exército romano no actual territorio galego.

Información para unha potencial posta en valor

A intervención arqueolóxica que se está levando a cabo en Penedo dos Lobos está a practicar sondaxes na muralla do recinto militar, co obxectivo de determinar o seu procedemento construtivo. Os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén compilar datos para unha potencial posta en valor futura do xacemento. Entre os obxectivos, a obtención de mostras que permitan datar de xeito máis preciso o campamento romano. Trátase dunha continuación da primeira campaña levada a cabo por romanarmy.eu no recinto en 2018, e que permitiu a identificación do xacemento.

Coñecer o impacto do expolio do xacemento

Así mesmo, a través de diferentes técnicas de análise do subsolo búscanse estruturas actualmente invisibles ou a localización de materiais. De feito, un dos obxectivos da campaña é estimar o impacto dos detectoristas de metais, furtivos que prospectaron ilegalmente o xacemento á procura de material arqueolóxico. Estas practicas delituosas están a aumentar nos últimos anos e supoñen un grave atentado contra o patrimonio cultural debido ao roubo de pezas e a destrución de valiosa información de contexto.

Un xacemento excepcional

O campamento romano de Penedo dos Lobos conserva as portas orixinais de acceso ao recinto. Estes accesos, chamados “en clavícula” polo sistema de defensa co que contaban, son propios dos recintos do exército romano. E mesmo nun caso, a porta dianteira (o acceso sur) esta porta ten unha forma inédita nos campamentos de marcha europeos.

O outro elemento excepcional é que se trata dun dos poucos campamentos romanos de marcha vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra. Os soldados botaron man do abundante material granítico da zona para construír as defensas. Isto, xunto co illamento da zona e o seu uso unicamente gandeiro, permitiu que o campamento se atope nun estado de conservación único, e que todo o sistema defensivo sexa facilmente apreciable mesmo para público non experto, aspecto que é difícil en xacementos peor preservados. Cómpre ter en conta que estamos falando de recintos habitados unicamente durante uns días hai máis de dous mil anos.

O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou ao olectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características.

Pode que che interese...