fbpx
O etnólogo Elixio Rivas / SIC-Cope

Galicia perde un dos principais arquitectos do estudo da etnografía e toponimia

Tempo de lectura: 2 min.
Morreu Elixio Rivas Quintas, sacerdote e referente no eido da etnografía e a toponimia galega. Un dos grandes artífices da etnoloxía moderna galega e que durante máis de 60 anos realizou un laborioso traballo de estudo e documentación ás costas sobre moi diversos saberes que conforman a cultura galega.
Elixio, “amigo dos camiños e peregrino da palabra” percorreu Galicia e falou con persoas de todo o territorio na procura infatigable do tesouro lexical da terra, ordenado e compilado durante máis de dez anos en vinte e sete volumes. Mestre da Etnolingüística, creador intuitivo, o seu legado reúne máis de sesenta libros e centos de colaboracións en revistas e xornais.
Orixinario das terras de Xunqueira de Ambía, Elixio Rivas recibiu no ano 2017 o Premio Pedra Alta no Museo da Limia. “Debería ter obtido todas as distincións e todos os recoñecementos que se conceden en Galicia, a tenor do seu fecundo labor investigador e divulgativo da cultura galega“, sinala o propio Museo da Limia nun comunicado polo seu pasamento. Rivas publicou no 1980 ‘A Limia’, un completo compendio de estudos sobre a comarca “merecente”, di o Museo, “dun monumento que recoñecese a súa xenerosa e espléndida contribución cultural”. Ao longo de máis de vinte anos,
“Hai uns meses, a sección do museo Biblioteca da Limia recibía, por mandado persoal do polígrafo, boa parte da súa produción; unha mostra máis de bondade e xenerosidade dun home que dedicou toda a súa existencia ao servizo do seu pobo e ao estudo e difusión das súas manifestacións culturais”, explica o Museo, que tiña pendente con Elixio un acto de recepción e encontro
Os seus restos ficarán no santuario dos Milagres, ao pé do monte Medo, que Rivas Quintas tanto amou, para seguir custodiando o impresionante museo etnográfico que foi creando ao longo da súa vida exemplar. Desde o Museo da Limia convidan a todas as persoas á lectura e análise da obra de Elixio Rivas Quintas, que “indaga nos misterios do tempo e ilumina a existencia humana”. “Sempre na memoria e na estima, gratitude eterna a quen tanto nos deu sen demandar nada”, remata o Museo da Limia.

Pode que che interese...