Así era Galicia nos mapamundis medievais
A representación de Galicia, a catedral de Santiago ou outros lugares destacados galegos nos mapamundis medievais, foi un dos temas que se abordaron no Congreso Internacional de Toponimia organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica (AGON) e da Universidade de Santiago de Compostela.
Dende o Instituto Geográfico Nacional, Marcos Pavo López, xefe da área do Registro Central de Cartografía, amosou a pegada de Santiago, Galicia e o Camiño nos mapamundis medievais, que é mesmo anterior á aparición do culto xacobeo na Península. “Nos mapas chamados beatos, polo nome do seu autor orixinal, Beato de Liébana (s. VIII), a tradición da predicación de Santiago en Hispania xa se manifesta tanto textual como graficamente. Tras a inventio ou a descuberta (ca 814-830), outros mapas medievais incorporaron referencias xeográficas moito máis precisas, situando os restos de Santiago o Maior concretamente en Compostela”, detalla. É o caso do beato do Burgo de Osma (1086), que ilustra tamén o Camiño de Santiago.
Máis adiante, a catedral de Santiago aparecerá destacada xunto ao nome de apóstolo e outros topónimos galegos, como Galicia (Gallaecia Regnun) ou o Miño (Minius), en famosos mapamundis doutros puntos de Europa, como o de Sawley (s. XII-XIII), o de Ebstorf (s. XIII), o de Hereford (ca. 1290) ou o da abadía de Ramsey (ca. 1350). “Isto demostra a relevancia do Camiño de Santiago e de Compostela como lugar de peregrinación á altura de Xerusalén e Roma. A transcendencia do culto xacobeo é tal que mesmo traspasa a barreira cultural do cristianismo, e é recollido no tratado xeográfico e mais no mapa do cartógrafo musulmán de orixe ceutí Al Idrisi (1154)”, concreta o enxeñeiro.
O mapa de Ebstorf
No de Sawley, un dos mapas ingleses máis antigos que se conservan, a catedral de Santiago rivaliza, de feito, con iconas de tamaño similar de Roma, Constantinopla, Xerusalén, Alexandría ou a Torre de Babel. O de Ebstorf, descuberto na localidade alemá do mesmo nome, é pola súa banda o mapamundi medieval máis grande dos que chegaron ata os nosos días. Malia seren as posicións relativas dos elementos xeográficos do territorio peninsular moi erróneas, a toponimia galega é abondosa e a representación específica da catedral transmite, unha vez máis, a importancia do culto ao apóstolo Santiago na época, abunda.
O máis coñecido dos mapamundis medievais do chamado estilo inglés e o medieval de maior tamaño que se conserva, o de Hereford, amosa na catedral da localidade británica que lle dá nome case 1100 topónimos e inscricións. Entre eles figura compostrinia (Compostela), que se le xunto a un edificio relixioso coa lenda templum sancti iacobi. “Á dereita da catedral e da torre de Hércules encontramos o fluvius mineus (o río Miño),. que completa unha descrición inusualmente detallada de Galicia nun mapamundi medieval”, valora Marcos Paco.
Todos estes mapamundis medievais son cartografías moi sinxelas, esquemáticas e con escaso rigor científico, como é propio dunha época na que a Geographia (s. II) de Ptolomeo, obra cimeira da cartografía científica, caera no esquecemento. Pero cómpre ter en conta tamén, aclara Marcos Pavo, que estas obras non pretendían unha representación xeometricamente exacta, senón que tiñan un sentido simbólico e destinado a explicar o mundo dende a concepción cristiá.