fbpx
Murallas de Penas do Castelo, en Pobra do Brollón / remitida

Na procura dos segredos que oculta un dos castros máis antigos de Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.
A segunda escavación en Penas do Castelo arrinca despois de que en decembro se presentasen as datacións acadadas na campaña impulsada pola Xunta de Galicia o verán pasado e que resultaron tremendamente sorprendentes pola súa antigüidade. Na primeira campaña, os traballos centráronse na zona da muralla, revelando un sistema construtivo con solucións realmente orixinais e un aspecto monumental. Tomáronse varias mostraxes para poder datar a muralla por Carbono-14 e aí estaba a sorpresa: unha datación do século IX a.C. no extremo de datación máis antigo.
Deste xeito o que non se sabía se era castro ou castelo altomedieval, resultou ser un dos castros máis antigos do noroeste peninsular, xusto no inicio da aparición deste tipo de poboados permanentes. “Estamos nun período de transición entre a Idade do Bronce e a do Ferro, complexo” comenta o director da intervención, Benito Vilas de Árbore Arqueoloxía.
Existe a hipótese de que o xacemento está vinculado á explotación de mineral, probablemente ferro, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o pouco material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral. As sondaxes deste ano pretenden atopar máis indicios das actividades que se levaban a cabo no xacemento. “O xacemento está nun lugar case inaccesible e de gran pendente, tivo que haber algo de gran importancia que levase a establecelo nun lugar tan inhóspito”.
Para a elección definitiva das sondaxes da presente campaña, o lume foi determinante. O xacemento ardeu no incendio que afectou en xullo á Pobra do Brollón e Folgoso do Courel. “O lume pasou rápido por el e non afectou ás estruturas” comenta Benito. Porén, eliminou a vexetación existente, permitindo detectar novas estruturas e afinando a situación das sondaxes.

Pode que che interese...