fbpx
Cartaz do Festival Céltico. 1964. Luís Seoane.
Cartaz do Festival Céltico. 1964. Luís Seoane.

A caetra: de escudo militar a escudo cultural en Seoane

Tempo de lectura: 9 min.

O 29 de Xuño do 2016 Michael Daniel Higgins, Presidente da República de Irlanda, acudiu ao Parlamento de Escocia. Coa súa voz coloreada pola musicalidade do acento irlandés na recepción deu un discurso, ben documentado e centrado na interrelación entre ambos países. O discurso percorreu distintos temas. Comezou dende os primeiros lazos entre Irlanda e Escocia na Historia, principalmente dende os celtas. No seu discurso sinalou as distintas manifestacións políticas, económicas, sociais e culturais, ata chegar a concentrarse na significación da creatividade. “Este é un exercicio de memoria ética que é apropiado -dixo o presidente de Irlanda- pois eu penso que un informado e respectuoso recoñecemento da complexidade dos nosos pasados comúns, unha memoria ética e traspasado dende os antigos corazóns, mais que calquera afectada amnesia, pode axudarnos a construír un futuro mellor e que eses eventos do pasado perdan calquera capacidade para danar o noso presente ou limitar as nosas posibilidades, as posibilidades do futuro que ambos nosos pobos poidan gozar. Hoxe estamos xuntos nunhas circunstancias moi distintas, nacións con confianza en si mesmas e prósperas, que comparten desafíos tal como vostede comentou a nivel rexional e global” comentou.

A isto o Presidente Higgins engadiu o seguinte: “Podemos así apreciar mais claramente esta longa historia a que fixen referencia e sobre todo unha calidade migratoria que compartimos. Podemos ver ante nós agora o enorme potencial da colaboración e cooperación fundamentada nos valores que compartimos como pobos que valoran a creatividade. Nas nosas verbas en irlandés temos o termo cruthaitheacht, como unha creatividade social. Cruthaitheacht é unha fonte social e compartir valores de recursos que poden levar a encabezar innovación e beneficios económicos. Pero que constitúe ante todo unha rocha primixenia  imaxinativa e orgánica de cidadanía. A persoa innovadora expón o mellor de si mesma nunha sociedade creativa, unha que ten estruturas e institucións que lle permite tal actividade e que canaliza esa creatividade para emerxer en tódalas formas. E nós vemos a creatividade como un punto de partida para a política mais que un elemento marxinal ou so utilitario. Antes de converterme en Presidente de Irlanda, no meu exercicio como membro do Dolan, tiven a oportunidade de debater estes temas aquí neste Parlamento, con algunhas das súas institucións e comunidades culturais, e estiven encantado de ver que institucións intelectuais e culturais seguen a gozar un forte apoio e que son unha prioridade na política pública de Escocia”.

Tal cultura e mentalidade tamén teñen un lugar dentro da cultura galega. E este lugar atópase en figuras como Luís Seoane. Nesta fase final o menos é render homenaxe a todo canto significa, tan nobre, intelixente, consciente e xenerosa e actual. Si é posible -parafraseando ao Presidente Higgins- traspasar dende os antigos corazóns un espírito. Un que desquite a miseria, a mesquindade, o engano, a derrota, a decepción, a frustración, a humillación e a anulación individual, evitando rematar na agonía dunha explotación patética, allea e estéril. E para isto vaise falar aquí dunha obra concreta de Seoane: o Cartaz do Festival Céltico de 1964.

Cartaz do Festival Céltico. 1964. Luís Seoane.

Cartaz do Festival Céltico. 1964. Luís Seoane.

O tema central que ocupa a obra é o anuncio dunha manifestación cultural galega no Luna Park en Bos Aires, a cal é chamada co nome “Festival céltico”. Baixo o título Seoane colocou unha caetra. O deseño gráfico superior vai en consonancia co texto engadido. Seoane non traballou a tipografía, pero coidou moito o que pode lerse no cartaz. Neste infórmase do seguinte:

Festival céltico 1964

Organizado por el centro gallego y los centros: coruñés, lucense, orensano y pontevedrés.

Intervendrán conjuntos folklóricos gallegos, irlandeses, galeses, bretones y portugueses.

Todo o que aquí pode verse e ler é iconografía. Xa o propio nome Festival céltico expresa a forma na que era entendida a cultura galega. Tiña unha personalidade propia, a que Pondal cantara nos seus versos. E que en 1964 seguía viva e vixente en cada lugar onde estiveran os galegos. Seoane podería ter colocado o símbolo por excelencia do elemento céltico galego, a anta. Ou polo menos un petroglifo. Pero o artista escolleu unha caetra, reinterpretada e deseñada a partir dos modelos que ofrecían as esculturas e as moedas antigas.

Torso do Guerreiro de Cibdá de Armea (Allariz). S. I d.C. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Torso do Guerreiro de Cibdá de Armea (Allariz). S. I d.C. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A caetra era o escudo que portaban os galaicos. Era redondo, cos bordes realzados por liñas circulares e un punto central onde aparece un paxaro. Así poden verse nas esculturas dos aristócratas galaicos retratados como soldados. As moedas romanas incorporaron as caetras como un símbolo das conquistas territoriais do Imperio en Occidente (27 a.C-476 d.C). Seoane non incluíu un símbolo de rexurdimento (a anta) nin das artes (un instrumento musical) senón un escudo de loita. Aquí Seoane non so ampliou o vocabulario simbólico que emerxera dende 1919, senón que engadiu unha nova dimensión as artes como un ámbito de protección, determinación, resistencia e resiliencia.

Moeda da caetra. 27-23 d. C. Procedente do Castro de Lansbrica (Ourense). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Moeda da caetra. 27-23 d. C. Procedente do Castro de Lansbrica (Ourense). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Tamén é iconografía que se cite expresamente cada un dos centros que compoñen o Festival céltico. Fai alusión ao centro galego e os correspondentes a cada un das catro provincias galegas. Seoane non omite en absoluto a Portugal. O considera unha parte mais, respectando así o que constituía Gallaecia como tal dende Portu Cale ata Brigantium. Tamén súmanse artistas de Irlanda, Gales e Bretaña. Territorios situados dentro da esfera do Mar Céltico e que, mesmo durante o Imperio Romano, nos mapas tiveron as súas fronteiras delimitadas. Así aparecen sinaladas Aremorica (Bretaña) e a presenza dos Dumnonii, Belgae, Silures e Ordovices (que conformaban o actual Gales).

Mapa dos conventi iuridici de Hispania. 1893. H. Kiepert.

Mapa dos conventi iuridici de Hispania. 1893. H. Kiepert.

De Hibernia (Irlanda) destacábase a urbe de Brigantes, xunto con Caledonia (Escocia). Ambos territorios son -aínda que coñecidos no Imperio Romano- os que mais mantivéronse a marxe da integración vía militar do mesmo. E o que une a todos eles é ese arco marcado polo océano Atlántico. Esta non é unha construción artificial destinada a provocar guerras, enfrontamentos nin ideas supremacistas e identidades extravagantes. Esta é a construción da Historia, enxergada dende culturas célticas que percorrían Europa e que Seoane plasmou enteiramente. Ía acaso Seoane a realizar un cartaz co que a xente non se sentira identificada alí onde estivera? Ía acaso a restar a unha identidade que era propia a tantas persoas, que participaban da mesma e que aportaba en tantos ámbitos?

Mapa das provincias europeas do Imperio Romano (detalle). 1926. William R. Sheperd.

Mapa das provincias europeas do Imperio Romano (detalle). 1926. William R. Sheperd.

A interpretación que fixo Seoane da caetra tiña igualmente un longo percorrido. Se o artista fixo un cartaz cun forte acento histórico, tamén o é o seu carácter historicista. A caetra que plasmou fora extraída da arqueoloxía. Nese senso Seoane seguía o camiño que comezaran pintores e ilustradores do século XIX. Artistas que visitaban museos e coleccións, gardando libros de tódolos temas, para plasmar con fidelidade nas súas obras os temas escollidos. O Historicismo tivo moitos rostros, e un deles foi o de incluír obxectos estudados na arqueoloxía para transmitir da forma mais natural posible unha escena. O século XX non foi inmune a isto mesmo. Castelao para as ilustracións e deseños gráficos de Na noite estrelecida (1926) de Ramón Cabanillas, tomou de referencia os descubrimentos pétreos arqueolóxicos fotografados como os de Santa Tecla neses mesmos anos.

Vercinxetórix lanza as suas armas ante Xulio César (detalle). 1899. Lionel Royer. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 321 x 482 cm. Museo Crozatier. Nótese a inclusión no primeiro plano e no chan dos cascos con alas, os torques nos pescozos, instrumentos como os carnix e a representación fiel do Escudo de Battersea (350 a.C – 50 a.C, bronce, Museo Británico).

Vercinxetórix lanza as suas armas ante Xulio César (detalle). 1899. Lionel Royer. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 321 x 482 cm. Museo Crozatier. Nótese a inclusión no primeiro plano e no chan dos cascos con alas, os torques nos pescozos, instrumentos como os carnix e a representación fiel do Escudo de Battersea (350 a.C – 50 a.C, bronce, Museo Británico).

Fotografía dos achados arqueolóxicos en Santa Tecla (Pontevedra). Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

Fotografía dos achados arqueolóxicos en Santa Tecla (Pontevedra). Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

Ilustración de caetra e espada de antena para “Na noite estrelecida”. 1926. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

Ilustración de caetra e espada de antena para “Na noite estrelecida”. 1926. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

e seguiu, por suposto, os pasos que Camilo Díaz Baliño iniciara en 1919 coa concreción dunha linguaxe simbólica e céltica. Se ben este artista non tomaba tanto da arqueoloxía, si é certo que foi o primeiro en ver as súas posibilidades no ámbito do deseño gráfico (o cal logo trasladouse a prensa e a revistas como Nós). Non pode considerarse a influencia de Díaz Baliño en Seoane como algo residual. Sendo como era unha constante compaña, Seoane puido contemplar como a Ara Gael era impresa nos periódicos, como foi medrando o imaxinario céltico nos encabezamentos de publicacións e como este chegou as comunidades galegas en Sudamérica. (Ver, por exemplo, as escenografías que Díaz Baliño realizara para a xira de Coral de Ruada en 1930). Tal vixencia tivo que, mesmo despois do golpe de Estado de 1936, a linguaxe que Díaz Baliño cimentara mantivera toda a súa significación intacta.

Así aprenderán a non ter ideas. 1937. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Do álbum Galicia mártir.

Así aprenderán a non ter ideas. 1937. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Do álbum Galicia mártir. 

Capa polo 25 de Xullo de 1944. A Nosa Terra, Bos Aires. No lado dereito pode lerse no cadro a frase acuñada por Domingo Sarmiento “¡Bárbaros, las ideas no se matan!” e no ladro esquerdo versos de Pondal: “Déspotas, insensátos/Forxá, forxádes grillos/Pode oprimir o ferro/Un corpo enfraquecido/Mais ás nobres idéas/E groriosos instintos…/Eses…non pode, non o duro ferro/Nin a morte, extinguilos!”. Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

Capa polo 25 de Xullo de 1944. A Nosa Terra, Bos Aires. No lado dereito pode lerse no cadro a frase acuñada por Domingo Sarmiento “¡Bárbaros, las ideas no se matan!” e no ladro esquerdo versos de Pondal: “Déspotas, insensátos/Forxá, forxádes grillos/Pode oprimir o ferro/Un corpo enfraquecido/Mais ás nobres idéas/E groriosos instintos…/Eses…non pode, non o duro ferro/Nin a morte, extinguilos!”. Cedida amablemente por Fernando Pereira González.

Seoane tivo un motivo mais para incluír a caetra como símbolo cultural. A idea de facer unha simbiose entre cultura e loita tiña fondas raíces nunha figura céltica en particular: os bardos. Eran músicos, poetas e cantores. Eran artistas, unha das tres figuras mais respectadas na sociedade celta xunto cos monarcas (a vez guerreiros) e os sacerdotes. Eles eran os que inmortalizaban, os que gardaban e os que transmitían para as seguintes xeracións. Nos lenzos as súas imaxes foron plasmadas tocando arpas, nun xesto de invocación luminosa  na escuridade ou de garda ante a destrución. Eran a personificación -como todo o celta- da liberdade e da expresión dos pobos. E así mostrou Asorey a Curros Enríquez, como un bardo no seu Monumento (1928-1935) na Coruña. Unha figura que suceda o que suceda e pase quen pase, mantense constante e cun xesto composto, observador e disposto mesmo en silencio.

Ossian espertando os espíritos as beiras do río Loira co son da arpa. 1801. François Gérard. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 184,5 cm x 194,5 cm. Hamburger Kunsthalle.

Ossian espertando os espíritos as beiras do río Loira co son da arpa. 1801. François Gérard. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 184,5 cm x 194,5 cm. Hamburger Kunsthalle.

O bardo. 1806. Anne-Louis Girodet de Roussy-Trioson. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 34,6 cm x 25,1 cm. Sala da Lexión de Honra, Museo de Belas Artes de San Francisco.

O bardo. 1806. Anne-Louis Girodet de Roussy-Trioson. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 34,6 cm x 25,1 cm. Sala da Lexión de Honra, Museo de Belas Artes de San Francisco.

Esta é a razón pola que Seoane, nun contexto como o exilio ou a emigración, trasladou esta mesma idea cunha caetra no Festival céltico. É unha plasmación simbólica nun estilo vangardista que parte da sintetización e orixinalidade do deseño orixinal primixenio. Un cartaz acorde as ideas estéticas riquiás dos anos 20 e 30 que respirara de novo. Nos anos 60 Seoane perfeccionara os seus coñecementos artísticos sobre deseño gráfico por medio de lecturas e posta en práctica. (Neses anos na súa biblioteca abundaban libros sobre, entre outros, Käthe Kollwitz, Cubismo, deseño industrial, Bauhaus, Gustave Doré, O Xinete Azul, A Ponte, gravado en madeira, Art Dèco, Goya, Rembrandt, Toulouse-Lautrec, Alfons Mucha, Matisse, Miró, Arte Gráfico Holandés, Escher e Hogarth).

Curros como bardo no “Monumento a Curros Enríquez”. 1928-1935. Francisco Asorey, Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña. Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez.

Curros como bardo no “Monumento a Curros Enríquez”. 1928-1935. Francisco Asorey, Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña. Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez.

Este cartaz era o froito final da evolución na que estética galega, o céltico e a vangarda dábanse a man. Mostra que non se trataba de conservar sen deixar florecer senón que, sendo unha cultura in finis -a atlántica- compartíase unha visión e un impulso. Podían ser influentes para todos aqueles que loitaban para que a súa voz fora escoitada no mundo. E que imbuídos nas antigas tradicións democráticas -agora cunha expresión contemporánea-, as presentes mentalidades e institucións puideran garantir un sostible e pacífico futuro para todos os pobos.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...