fbpx
VISITA DEL CONSELLEIRO ROMAN RODRIGUEZ A PROENDOS, EN SOBER

Achan a estruturas dun hórreo romano único en todo o noroeste da Península Ibérica

Tempo de lectura: 2 min.

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento arqueolóxico de Proendos veñen de sacar á luz a superficie completa dun hórreo romano, unha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos. Así o comprobou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á actuación no concello de Sober.

Neste senso, engadiu que os resultados desta escavación axudan a comprender “como vivían as antigas civilizacións na nosa terra e cal foi a incidencia da súa pegada na realidade que hoxe coñecemos”. “Os achados no xacemento de Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra”, expuxo.

Recuperación do patrimonio

Este proxecto permitiu identificar o tamaño completo do hórreo romano localizado na última campaña. Trátase dunha estrutura de máis de 5 metros de ancho e 7 de largo que ocupa unha área de 44,5 metros cadrados. Ademais, no transcurso da intervención tamén se identificou unha posible plataforma de acceso ao mesmo e un conxunto de lousas que bloquean as rúas de ventilación e que, segundo os especialistas da empresa Tempos Arqueólogos S.L, encargada da escavación, poderían indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I. Tamén foron localizados catro muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación.

Desde o ano 2019

Os achados rexistrados nos actuais traballos e a última campaña impulsada pola Xunta inclúen a constatación da existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente; a localización dunha ábsida circular de orixe romana, numerosos materiais e restos das estruturas das edificacións ou fragmentos dun mosaico romano.

Cómpre lembrar que a prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Pode que che interese...