Alejandro Viana, o republicano galego que salvou a 15.000 refuxiados
Alejandro Viana Esperón (Ponteareas -Pontevedra- 1877 – México D.F. 1952) é un dos grandes políticos da II República que sufriron as consecuencias da Guerra Civil e o Exilio. Un home que se mantivo fiel aos seus principios republicanos ata o final e que conseguiu salvar a milleiros de compatriotas fuxidos en Francia. De feito, el mesmo estivo a piques de ser prendido e executado pola Xestapo e os fascistas, unha vez que Francia foi ocupada polos nacis.
Tras unha intensa actividade política durante a II República, a Guerra Civil sorprendeo en Madrid. Alí, entre xullo e novembro do 36, xunto con Castelao, Suárez Picallo e outros galeguistas formou parte da directiva das Milicias Populares Galegas. Durante a guerra perdeu a varios familiares, incluído un sobriño, “paseado” en Ponteareas e un irmá morto en combate.
Axuda aos refuxiados
Alejandro Viana foi fiel ao goberno republicano ata o final e só cando a guerra estaba perdida decidu trasladarse a Bordeos nos primeiros días de febreiro do 39 e instalouse en París unhas semanas despois. En abril o Presidente do Goberno, Juan Negrín, designouno Xefe da Sección de Emigración do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles). Dende este cargo ocupouse de organizar a evacuación de refuxiados en barcos cara a América. Entre abril e xullo de 1939 organizou o frete de 17 expedicións con case 8.000 refuxiados a México.
A mediados de agosto presentou a súa dimisión por discrepancias co Secretario Xeral do SERE, Ignacio Mantecón. Foi substituído polo seu amigo, tamén ponteareán, Pastor Candeira. A pesar das dificultades e as trabas do Goberno francés, o 20 de decembro de 1939 e o 30 de xaneiro de 1940 organizou dúas novas expedicións cara a República Dominicana.

O repubicano Alejandro Viana, presidente do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles / Memoria Histórica
Xa en maio, coa ocupación alemá de Francia, a policía realizou unha redada no SERE e clausurou o organismo. Viana evitou a detención ao ocultarse e, con Pastor Candeira, continuou organizando novos embarques na clandestinidade, como o do vapor Cuba. O 12 de xuño Viana abandonou París con Pastor Candeira e Isabel Napal cara a Bordeos. O día 14 o exército nazi entrou en París. En Bordeos Viana atendeu aos refuxiados na sede do SERE e entregando pasaxes e visados a republicanos ata que o día 17, a Xestapo, xunto con grupos falanxistas, tentou secuestrar a Alejandro Viana, quen logrou fuxir con Pastor Candeira e varios republicanos máis e chegar a Suíza.
Proxecto web
Precisamente, estes días coñeciase un interesante proxecto sobre a vida e as accións deste eminente repubicano. Unha web que dá a coñecer polo miudo a figura de Alejandro Viana Esperón. A través da súa biografía, achegase á historia política e social de Vigo do primeiro terzo do século XX, á II República, á Guerra Civil e ao Exilio.
“Ademais, pretende ser un lugar de encontro, coñecemento e intercambio de información para investigadores e investigadoras, e persoas en xeral, interesadas na figura de Alejandro Viana Esperón e, especialmente, na súa acción humanitaria en Francia á fronte do Servicio de Evacuación de Republicanos Españoles e das Sociedades Hispanas Confederadas, simbolizada na evacuación en barcos a América de 17.000 refuxiados e refuxiadas”, recolle este portal.