fbpx
Restos de cerámica e porcelana atopadas no Convento de Santa Clara de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

Cando as monxas de Pontevedra tomaban xa chocolate no século XVI

Tempo de lectura: 2 min.

Os 780 metros cadrados de escavacións e estudos feitos nos últimos meses no convento de Santa Clara, en Pontevedra, sacaron á luz unhas 8.000 pezas de cerámica, moedas, ferro, e outros materiais que permiten facer unha primeira reconstrución de como era a vida no convento, incluso dando a coñecer algunhas curiosidades como que as monxas consumían chocolate no século XVI. Os traballos tamén permitiron identificar as fases nas que se foron levantando, cunha gran complexidade, os edificios do convento dende o século XIII ata a actualidade.

O arqueólogo director da escavación Rafael Rodríguez foi o encargado de explicar as diferentes fases nas que se foron levantando as edificacións do conxunto durante os máis de sete séculos de historia. Segundo dixo, o convento foi un espazo “dinámico, de moito movemento, e vivo”, no que se facían moitas obras –aínda que moitas non remataban- e ao que chegaban materiais de moitos puntos do mundo.

Explicou que a falta de cadrar algúns datos, sábese que Santa Clara foi fundada no 1271 por unha doazón á orde das clarisas, e que as obras comezaron a finais do século XIII pola parte cuadrangular da igrexa e tamén por outras edificacións (da que hoxe só quedan restos).

Catalogación das pezas atopadas nas escavacións do convento de Santa Clara / Deputación de Pontevedra

Diversas construcións

Unha destas últimas levantábase en forma de L entre o que agora é o claustro e o edificio das Misións (onde hoxe está a coñecida como ‘sala das tullas’) e prolongábase ata poucos metros do actual muro de separación con Barcelos. Hai evidencias que a edificación pretendía seguir en paralelo á igrexa e ao muro, mais non se chegou a completar moi probablemente por falta de medios. Tamén había outra construción do XIV que se levantou ao lado da outra ala do claustro, onde estarían a cociña e o refectorio vello.

En canto á igrexa, confirmouse que a parte rectangular construíuse fundamentalmente no século XIV cun ábside tamén cuadrangular, que sería substituído posteriormente polo actual un século despois. Estivo complementada polo claustro en forma de U coa panda sur aberta, e inicialmente cunha cobertura e columnas de madeira.

Entre o século XV e o XVI construíronse outras edificacións que rodearían e pecharían un rectángulo central amplo, marcadas polo muro interior e a zona que actualmente se utilizaba como almacén na ala oeste. Xa no século XVIII realizouse unha profunda modificación xeral e engadiuse o edificio onde están hoxe en día a maioría das celas das que se ven dende o exterior as ventás enreixadas.

Pode que che interese...