Tempo de lectura: 2 min.O
Concello de Mesía e Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega dan o primeiro paso para a
posta en valor do Castelo de Mesía, un xacemento medieval fortificado, que se atopa relativamente en bo estado, e datado de finais do século XIII ou principios do XIV.
A fortaleza atópase nun afloramento rochoso á beira do río Samo, e exercía o control das terras de Mesía sobre un dos camiños que comunicaban Santiago de Compostela e Betanzos na Baixa Idade Media. Presenta unha planta circular, pouco común en Galicia, con varios cubos de torres pouco desenvolvidos e acorados á muralla. No seu momento tamén contaba cunha torre interior amurallada e defensas de forma poligonal e foso.
No ano 1467 foi determinante na historia do castelo. Os Irmandiños tomárona e foi destruída, pero ó ser abandonada por estes, o arcebispo Fonseca usurpou a propiedade e restaurouna. Despois da famosa batalla de Altamira, os cabaleiros galegos ó mando de Gómez Pérez das Mariñas, derrotaran a Fonseca, recuperando o dominio sobre as fortalezas e castelos dos que se tiña apoderado o prelado aproveitando as sublevacións irmandiñas.

Ruínas do Castelo de Mesía / Wikipedia
Os traballos
Os traballos, que xa están en marcha e que se estenderán durante aproximadamente dez días, contemplan a limpeza da contorna e de estruturas concretas. Ata o de agora, xa puideron ver a luz as escaleiras de acceso na zona leste do conxunto, a medio camiño dende a beira do río Samo ata o foso da fortificación. Neste espazo, un equipo experto en arqueoloxía e restauración fixo unha limpeza manual para a definición dos chanzos.
Así mesmo, retirarase a vexetación do interior da Torre da Homenaxe co obxectivo de avaliar o seu potencial de cara a futuros traballos, e impulsarase unha escavación arqueolóxica no interior dunha das estruturas extramuros. Isto último permitirá interpretar a súa función e a súa relación co conxunto da fortificación, o que mellorará a comprensión do castelo e da súa propia historia. Máis información no Galicia Confidencial.