fbpx
Camiño de Inverno / foto Nick_HCCo

Así é a paisaxe sonora da Ruta Xacobea

Tempo de lectura: 2 min.

O Camiño de Santiago é tamén son, un crisol de sonoridades e natureza diversas, naturais e artificiais, que se mesturan para poñer banda sonora orixinal á aventura xacobea. Os sons do Camiño, efémeros e mutantes, son agora parte do patrimonio da ruta desde que as profesoras María Celia Adrián Rodríguez e Elena de Uña Álvarez recolleron para a súa conservación a paisaxe sonora da Ruta Xacobea.

Estas investigadoras do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), da Facultade de Historia de la Universidade de Vigo, botáronse ao Camiño no ano 2020, en plena pandemia de covid-19, para escoitar e gravar os sons ambientais da Vía da Prata, unha das nove variantes do itinerario a Santiago de Compostela e que comeza en Sevilla, cun tramo de 191 quilómetros en territorio galego.

Por que este estudo sonoro? Como explican, até agora, “a sonoridade ambiental, relacionada co ver, escoitar e camiñar por un camiño, apenas se contemplaba no primeiro Itinerario Cultural Europeo, o Camiño de Santiago”.“No discurso patrimonial sobre os valores inmateriais do Camiño de Santiago falta a comprensión da sonoridade. O coñecemento da sonoridade ambiental do Camiño contribúe á comprensión contextual da experiencia inmaterial de percorrer o Camiño”, engaden.

Por iso, decidiron recoller e analizar a sonoridade dunha das rutas do Camiño, a da Prata, para “definir varios ambientes sonoros configurados polas fontes sonoras, as propiedades acústicas e a cultura do territorio”, explican.

Eiquí xorde a idea da sonoridade ambiental do Camiño como outro patrimonio máis deste, xa que “a integración da sonoridade ambiental nunha peza musical facilita o fomento do coñecemento e a toma de conciencia do patrimonio sonoro, xunto cunha valoración implícita do mesmo”, defenden. De feito, para elas, “o espectro audible, provisto de poder emocional e evocador, ten un papel importante na definición do patrimonio cultural do presente ao futuro”. Toda a reportaxe no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...