Galicia exporta modelos topográficos
A Base Topográfica Urbana de Galicia servirá de modelo para elaborar as especificacións desta ferramenta cartográfica do resto de España, segundo avanzou este luns o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante a súa participación por videoconferencia na comisión territorial do Consello Superior Xeográfico (CSX).
Durante a súa intervención, De Salvador puxo en valor o traballo que vén realizando a Xunta neste campo coa aprobación das especificacións da Base Topográfica de Galicia (BTG) e da Base Topográfica Urbana de Galicia (BTUG), “pioneira a nivel estatal“.
Así mesmo, engadiu, séguese traballando na adaptación ás normas europeas aconselladas pola directiva INSPIRE, que define unha serie de normas técnicas e protocolos que promoven a estandarización dos datos xeográficos e do traballo con eles.
A Xunta lembrou que as bases topográficas do territorio “son o produto cartográfico máis importante para a xestión do territorio”, xa que “a maneira de elaborar este elemento descritivo da contorna na que os gobernos aplican as súas políticas” é “fundamental para que poida ser utilizado na maior parte das aplicacións necesarias” no seu campo.