O BNG denuncia “maltrato” a un dos cruceiros máis antigos de Galicia
“Veciños e veciñas do concello de Teo sinalaron ao BNG que, durante a celebración da feira cabalar do San Martiño na carballeira de Francos, o cruceiro situado a carón da casa común non foi respectado. A veciñanza indicou que o monumento estivo ateigado de caixas e diversos produtos, servindo mesmo de vertedoiro”. É a denuncia que fan os nacionalistas en alusión ao un dos cruceiros máis antigos de Galicia, de estilo gótico e datado no século XIV.
O BNG lémbralle ao goberno municipal que o cruceiro, que está considerado Ben de Interese Cultural, debería estar delimitado cunha franxa de protección de mínimo 20 metros, tal e como indica a Lei de Patrimonio Cultural 5/2016, do 4 de maio, no seu artigo 38.
“No BNG consideramos imprescindible a valoración do noso patrimonio. Trátase dun dos cruceiros góticos máis antigos e importantes de Galiza, xunto co de San Roque de Melide. Ademais, está situado sobre un penedo que contén cazoletas e covas, polo que tamén foi catalogado e figura no proxecto de Compostela Rupestre”, conclúe o comunicado de prensa remitido aos medios.