fbpx
Figura dunha suposta divindade feminina prehistórica que se atopa na casa reitoral de Martul, en Outeiro de Rei / Patrimonio dos Ancares

Patrimonio protexe unha suposta “deusa da fertilidade” reutilizada nunha casa reitoral de Outeiro de Rei

Tempo de lectura: 2 min.

A Dirección Xeral de Patrimonio acaba de protexer un ben patrimonial en Martul (Outeiro de Rei) cinco anos despois de que Patrimonio dos Ancares solicitara a súa inclusión na lista de bens protexidos.

Trátase dunha pedra reutilizada na casa reitoral onde se ve a representación dunha figura humana de trazos ben definidos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos. A tradición oral di que apareceu nunha mámoa, se ben descoñécese en que lugar se atopaba este enterramento. A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). Como hipótese por atoparse descontextualizada, quizais representaría a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade.

Novos petróglifos en Friol

Por outra banda, Patrimonio tamén vai protexera unha serie de petróglifos atopados en Friol. Foi no ano 2013 cando o veciño de Friol Diego Viñas observou uns gravados realizados nunha pena granítica situada no paseo fluvial desta localidade, moi preto do río Narla. Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o lugar para comprobar a tipoloxía e de cantos petroglifos se trataba, labor nada doada a simple vista debido á forte erosión das figuras.

Petróglifo catalogado en Friol / Patrimonio dos Ancares

Despois de varias visitas, utilizando distintas técnicas fotográficas (luz nocturna indirecta e fotogrametrías) realizadas polo compañeiro Alex Negreira, puidose verificar que na parte superior e máis lisa da pedra os nosos antepasados de hai uns 4.000 anos insculpiran varias figuras compostas por unha combinación de catro círculos concéntricos con coviña central da que parte un apéndice, unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central, e un círculo simple. Nas inmediacións hai outra pena con oito cazoletas e pías.

Nos anos 2016 e 2021 informouse dos achados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo para que procederan á súa catalogación. O día 15 de novembro de 2022 recibimos a contestación onde nos comunican que, despois da correspondentes comprobacións, os seus arqueólogos verificaron que, efectivamente, trátase duns petroglifos prehistóricos, asignándolle o código de catalogación GA27020347.

Ao tratarse duns gravados prehistóricos e segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, pasan a ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), gozando dende este momento da máxima protección legal.

No concello de Friol localízanse unhas 40 penas con petroglifos o que o converte nun referente na arte rupestre ao aire libre da provincia de Lugo, tanto pola cantidade como pola calidade dos motivos gravados.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...